En portadaÚltima hora

O Tren do Viño de Valdeorras tivo unha ocupación do 85% o pasado ano

Arranca a campaña “Galicia a todo tren” o próximo 10 de xuño e Ourense incorpora a ruta “Ourense Termal e de Compras” que se suman aos catro trens turísticos do viño
Javier Díaz, Marisol Díaz e Rosendo Fernández. // Foto: Carlos Asensio.

“Galicia a todo tren”, así se chama a campaña de trens turísticos que están a levar a cabo Renfe e a Xunta en colaboración con diferentes institucións como o Inorde en Ourense. De feito, das 11 rutas turísticas por vía férrea que abrangue esta iniciativa, cinco son na provincia: O tren dos viños Ribeira Sacra- Rías Baixas, o tren do viño Ribeira Sacra, Tren do viño de Monterrei, o Tren dos viños Ribeira Sacra e Valdeorras e, como novidade este ano, o tren Ourense Termal e de Compras.

Todos estes produtos foron presentados hoxe, 30 de maio, pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o vicepresidente da Deputación e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; e o xerente da Área Comercial e Servizo de Atención ao Cliente de Renfe, Javier Díaz Trisac.

Estas cinco rutas ourensás “comezarán a funcionar o 10 de xuño e seguirán en funcionamento até o mes de outubro”, en concreto até o día 28. En concreto, a nova ruta Ourense Termal e de Compras sairá os días 7 e 21 de outubro “co obxectivo de desestacionalizar o turismo” apuntou Díaz, que tamén informou de que o tren que percorre a ruta da Ribeira Sacra tivo “un 100 por 1000” de ocupación e nos meses de xuño e setembro do pasado ano tiveron unha media do 80%.

Pola súa banda, Rosendo Fernández, como presidente do Inorde, dedicouse a anunciar unha serie de cifras “que demostran que é unha iniciativa consolidada”. Segundo as estatísticas recollidas pola institución que preside, establecen que no Ribeiro, por exemplo, a ocupación foi do 62,02% pero que o destino preferido foi a Ribeira Sacra, cun 98,5%, seguido do de Valdeorras, cun 85,58% e polo de Monterrei, con case un 70% de ocupación.

En canto ao tipo de visitantes, o representante de Renfe, Javier Díaz Trisac salientou que “Galicia gusta” e por iso utilizaron estes paquetes turísticos persoas de 19 países diferentes: “viaxeiros de Estados Unidos, Ecuador, Venezuela ou Brasil así como asiáticos procedentes do Xapón ou Xordania”. Asemade engadiu que “hai unha satisfacción global” xa que o 98% recomendaría o produto.

En canto aos prezos, para adultos terá un custo de 40 euros e os rapaces entre 3 e 13 anos custaralles o billete 20 euros.

Outros destinos

Ademais dos destinos das D.O ourensás e o da capital. Os trens turísticos de “Galicia a todo tren” tamén ofertan a “Ruta dos faros”, a “Ruta dos pazos e xardíns históricos”, a “Ruta da Lamprea”, a “Ruta do Lugo Romano”, a “Ruta do viño Rías Baixas” e, tamén como novidade este verán, a “Ruta descubrindo A Coruña”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button