DeportesÚltima hora

O Tres Lunas D.O. Valdeorras-Merida Bikes ficha á campiona de España elite XCUM, Susana Alonso

O equipo ciclista valdeorrés conta tamén co campión Brandán Márquez nas súas filas

Xa é oficial. Susana Alonso formará parte do equipo Tres Lunas D.O. Valdeorras-Merida Bikes para esta tempada. Así o anuncia o club valdeorrés que conta xa con outro referente do ciclismo de montaña nas súa filas: Brandán Márquez.

Tal como explican dende o equipo ciclista, a corredora galega, procedente do Extremadura ECO Pilas, regresa a un equipo da súa terra despois de varios anos cheos de éxitos competindo con diferentes clubs. “Alonso, conta cunha extensa carreira e moita experiencia no mundo da mountain bike”, din dende o Tres Lunas. De feito é campiona de España elite XCUM, campiona galega XCM elite, subcampiona de España XCM e internacional con España no Mundial de Italia 2018, “cun extenso palmarés nas diferentes especialidades do ciclismo de montaña”, engaden.

Susana Alonso pola súa banda, asegura estar “especialmente ilusionada con este proxecto”. Levaba tempo con ganas de correr para un equipo galego e cando lle propuxeron facelo co Tres Lunas D.O. Valdeorras encantoulle a idea. “A nivel persoal permíteme seguir desfrutando e evolucionando no meu deporte”, di, sentíndonse “afortunada por esta nova etapa e agradecida por esta gran oportunidade.”

Coa presenza de Alonso e Márquez no equipo, o 2019 preséntase ilusionante para un proxecto que malia a súa curta vida conseguiu facerse un oco entre os afeccionados á BTT, contando con máis de 50 licenzas en menos dun ano.

Artigos relacionados

Back to top button