CulturaCulturaÚltima hora

O trivés Germán Ancochea, “pioneiro da investigación matemática española”

Un libro, coordinado polos profesores do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo José Ángel Cid e Benjamín Macía, homenaxea a este investigador no corenta aniversario do seu falecemento

Entre a documentación que recolle o libro está a imaxe da foto de familia da reunión na Universidade de Pricenton dos matemáticos máis destacados do mundo, entre os que estaba Ancochea./ Foto: Duvi.

 

1946. A prestixiosa Universidade de Pricenton celebrou o seu bicentenario cunha conferencia que reunía, por primeira vez tras a segunda guerra mundial, aos matemáticos máis destacados do mundo. O único español que participaba nese encontro era Germán Ancochea Quevedo, de orixe trivesa. Un libro, coordinado polos profesores do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo José Ángel Cid e Benjamín Macía, rende agora tributo a este “pioneiro da investigación matemática española” cando se cumpren 40 anos do seu falecemento.

Esta obra, titulada Germán Ancochea. Tributo a un pionero de la investigación matemática española e editada pola Real Sociedad Matemática Española, quere ser unha homenaxe ao profesor Germán Ancochea (Córdoba 1908-Madrid 1981). A súa figura, indican os promotores do libro, “non está recoñecida como cremos que debería ser” e agora “consideramos de xustiza facerlle un recoñecemento público e volver a poñelo de actualidade”. Este tributo, sinalan, ten en conta por unha banda a súa relevancia e por outra a súa “proximidade”.

Os coordinadores da obra consideran que Ancochea era, “sen dúbida, un adiantado ao seu tempo e que a calidade da súa produción científica resiste ao escrutinio dunha óptica moderna”. A isto engádese a vinculación con Galicia de Germán Ancochea, pois aínda que nado en Córdoba (Arxentina), de pais emigrantes, retornou a Trives con 4 anos e alí permaneceu ata que se desprazou a Ourense para estudar o Bacharelato e logo a Madrid para licenciarse en Matemáticas, mantendo sempre o vínculo con Galicia e Trives, onde pasaba parte do verán todos os anos”.

Dentro da destacada traxectoria de Germán Ancochea, os coordinadores do libro e profesores do campus de Ourense subliñan datos como que foi catedrático das universidades de La Laguna, Salamanca e Complutense de Madrid; un dos primeiros matemáticos españoles en publicar un artigo na prestixiosa revista Annals of Mathematics; deu nome a un teorema (o teorema de Ancochea-Hua) e os seus traballos foron eloxiados polos investigadores máis destacados na súa área.

 

 

“Germán Ancochea forma parque do que é unha das primeira xeracións de investigadores en matemáticas de España. Pertence a unha xeración que empezou a facer investigación orixinal, a producir resultados, a publicar os seus traballo en revistas internacionais e de máximo prestixio”, sinalan José Ángel Cid e Benjamín Macía lembrando como “os seus traballos foron publicamos nas revistas máis importantes do momento”.

Estes logros, resaltan, cobran especial relevancia tendo en conta “o momento histórico tan complicado que lle tocou vivir, a cabalo entre a Guerra Civil Española e a II Guerra Mundial”. Especialista en xeometría alxébrica e álxebra, Germán Ancochea conseguiu ademais ao longo da súa traxectoria académica crear en Madrid “unha escola a nivel de estado importante”, din os coordinadores do libro.

“Tendo en conta que Ancochea iniciou a súa carreira como profesor auxiliar en 1930 e que publicou os seus primeiros artigos internacionais a principios dos anos 40, sendo xa profesor en Salamanca, completamente illado, en plenas posguerra española e II Guerra Mundial e nun país con escasa tradición en investigación matemática, é un logro excepcional que chegara a desenvolver unha carreira científica de primeiro nivel e a relacionarse coa elite matemática”, afirman os coordinadores da obra.

Un proxecto colectivo

O libro, sinalan José Ángel Cid e Benjamín Macía, é un “proxecto colectivo” no que teñen participado diversos autores e autoras e que foi posible grazas á colaboración de diferentes persoas e institucións, entre elas a familia do homenaxeado. Ademais dos seus coordinadores, a publicación recolle achegas de José María Almira, José María Ancochea, Antonio Campillo, Rutwig Campoamor-Stursberg, Carlos Ferreiro, Xabier García, o tamén trivés Francisco García, Hans Havlicek, Ceferino Ruiz e Elena Vázquez.

Ademais da biografía de Germán Ancochea e a súa etapa en Trives, as e os lectores poden ver na obra editada unha ampla mostra da correspondencia que mantivo con eminentes matemáticos da súa época, como Hasse, Van der Waerden, Lefschetz, Zariski ou Von Neumann, entre outros, e o testemuño de discípulos seus, como Ceferino Ruiz. Ao longo do libro, tamén se analiza a súa influencia posterior por parte de destacados investigadores como Antonio Campillo o Hans Havlicek e se abordan algúns dos seus traballos en temas como o teorema dos ceros de Hilbert; as formas diferenciais e o teorema de Fröbenius; a descomposición de Jordan-Chevalley e as álxebras asociativas unitarias; as estruturas alxébricas e as proxectividades, preservadores harmónicos e semi-homomorfismos.

Artigos relacionados

Back to top button