DeportesÚltima hora

O trivés Jorge Guerra, campión galego absoluto de esquí alpino

Lograba o título no campionato autonómico desta modalidade que se celebraba o 25 de marzo na Estación de Montaña de Manzaneda

A Estación de Montaña de Manzaneda acollía a partires das dez da mañá do 25 de marzo a primeira manga dos Campionatos de Galicia de Esquí Alpino, organizados pola Federación Galega de Deportes de Inverno. O trazado da carreira consistía nun slalom xigante a dúas mangas.

A competición disputábase nas categorías alevín, infantil, xuvenil, absoluto e veteranos, tanto en damas como en homes. Na categoría absoluta, o esquiador trivés Jorge Guerra Domínguez (CCM) facíase co título autonómico, cun tempo total de 1:08:74. O segundo posto correspondíalle a Iván Carretero e o terceiro a David Álvarez (ambos do Manzaneda.info).

En absoluta damas vencía Isabel González e en segundo lugar quedaba María Sierra, as dúas de Manzaneda.info. En veteranos os primeiros clasificados eran Cristina González (Trevinca Barco) e Mariano Sierra (Manzaneda.info) e en U10 Jimena Rodilla (Manzaneda.info) e Jesús Quintá (Exlabesa Ski Team). Ademais en U12 vencían Claudia Álvarez e Ramón Rodilla (Manzaneda.info), en U14 Paula Sierra e Martín Álvarez (Manzaneda.info), en U16 Mariana de J. Corredoira (Manzaneda.info) e Ignacio de Bernardo (CCM), en U18 damas Carlota Corredoira  e en U21 Beatriz Sierra (as dúas de Manzaneda.info).

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button