En portadaÚltima hora

O trivés José María Pérez aborda nun libro a historia de Viana, A Veiga e Porto en relación coa enerxía hidroeléctrica

Esta obra, titulada “La fuerza de nuestros ríos”, presentarase o vindeiro sábado 9 de xuño ás 19:30h. no IES Carlos Casares de Viana do Bolo
Jose María Pérez, autor de “La fuerza de nuestros ríos. Una historia de Viana, Porto, A Veiga y la energía hidroeléctrica”, na ponte sobre o Piago (Trives)./ Foto cedida por José María Pérez.

A creación e posta en marcha dunha serie de encoros nos concellos ourensáns de Viana do Bolo, A Veiga, e no limítrofe de Porto (Zamora) a mediados dos século pasado, marcaba un antes e un despois na evolución desta zona e na vida dos seus habitantes. Nesta etapa histórica céntrase a obra “La fuerza de nuestros ríos. Una historia de Viana, Porto, A Veiga y la energía hidroeléctrica” (Andavira, 2018), que vén de publicar o trivés José María Pérez López, profesor no IES Carlos Casares de Viana do Bolo. “Definiríao como un pequeno ensaio. É un libro de historia escrito por un enxeñeiro e por unha persoa á que lle gusta moito a zona e que traballa nela”, comenta o propio autor.

Este libro presentarase o vindeiro 9 de xuño ás 19:30h. no IES Carlos Casares de Viana do Bolo e porase á venda en librerías e quioscos do oriente ourensán. O volume comeza cunha introdución na que se explica que é a enerxía eléctrica e hidroeléctrica e o papel que desempeña, para logo dar paso a un primeiro capítulo centrado neste tipo de enerxía e no funcionamento do sistema eléctrico español. A continuación, vaise amosando situación previa á construción dos encoros nesta zona ourensá e zamorana, como estaban os seus ríos e por que se proxectou diversas presas nestes concellos.

A partir do terceiro capítulo fálase da construción dos saltos e, paralemanente, do proceso de emigración que se vivía nese momento no rural nos anos 60. “No momento da súa construción viviuse unha revolución porque nas obras traballaron dende o 1947 ao 63 máis de 10.000 persoas entre Sanabria, Porto, A Veiga e Viana, foi tremendo”. O libro aborda tamén a evolución destas instalacións hidroeléctricas no tempo e o que supuxeron para estas zonas dende un punto de vista enerxético, económico e tamén social dende a súa creación ata a actualidade.

 

Portada do libro.

 

Pérez Lopez levaba xa moito tempo coa idea de traballar sobre esta parte da historia local. Algo que comezaba a callar coa sinatura dun convenio entre o instituto vianés e Endesa. A partir de aí iniciábase un proceso de investigación no que agradece o apoio e colaboración de numerosas persoas. “Ese convenio foi a isca que encedeu o libro, varias persoas de Endesa axudáronme moitísimo para conseguir información (documentación, planos, fotografías…) e grazas a eles a obra puido chegar a onde chegou. Destacan José Antonio Galván (director da Unidade de Producción Hidráulica Noroeste de Endesa Xeración) e Ernesto Marra. Tamén foi moi valiosa a aportación de varios traballadores de Moncabril que viviron todo o proceso (antes, durante e despois) das obras dos saltos. Varios habitantes de Alberguería (baixo a auga desde 1958) falaron comigo e axudáronme, así como moita xente de Porto, A Veiga e Viana, para contar as súas experiencias, como foi aquilo, como se vivía, que pasou despois. Sen eles non podería ter escrito practicamente nada”, destaca.

Entre os que tamén o axudaban está “o Grupo Tren Zamora, asociación que se dedica a difundir o patrimonio ferroviario zamorano e que foi fundamental para explicar a construción e historia do salto de Ribadelago”, engade o autor. O seu obxectivo con este traballo é, fundamentalmente, “a divulgación, que a xente coñeza a historia desta zona nun momento determinado e relacionada coa enerxía eléctrica e hidroeléctrica, e amosar o seu patrimonio natural e industrial. Creo que pode resultar moi interesante”, comenta José María Pérez.

Artigos relacionados

Back to top button