EconomíaEconomíaÚltima hora

O TSXG declara que a obriga de presentar o certificado COVID-19 na hostalaría carece de vixencia

 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de decretar que a obrigación de presentar un certificado COVID-19 para acceder ao interior de establecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno “carece de vixencia ao non ser autorizada xudicialmente”. Os maxistrados explican en dous autos notificados hoxe que “a Xunta só enviou ao TSXG para someter a autorización a orde do 21 de xullo, na que se establecían medidas de prevención fronte ao virus, entre elas limitacións nas reunións, pero non a orde do 22 de xullo, que contiña o requirimento de presentar o certificado COVID-19” en establecementos de hostalería e restauración.

“Este anómalo proceder por parte da Xunta induciu a confusión”, indican os maxistrados, que tamén explican que na resolución emitida a semana pasada na que denegaron a medida cautelarísima solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental para que se suspendese, sen escoitar as razóns da Xunta, a obrigación de presentar o certificado “non se fixo mención algunha ás razóns que se expoñen nos presentes autos ao dar por sentado que as medidas cuxa suspensión se instaba foran sometidas a previa autorización polo TSXG”.

Nese auto, de data 6 de agosto, os xuíces non avalaron o requirimento imposto polo Goberno galego, senón que, dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supón que non se dea traslado do recurso á Xunta, o tribunal acordou, co obxectivo “de non furtar á administración a posibilidade de facer alegacións”, que se continuase a tramitación do procedemento como unha peza ordinaria de medidas cautelares. É dicir, unha vez que o Goberno galego tivese posibilidade de xustificar a adopción da medida fronte ao recurso interposto polos hostaleiros, o TSXG tomaría unha decisión sobre a súa procedencia.

Nos dous autos notificados hoxe, nos que a sección terceira da Sala do contencioso-administrativo suspende o requirimento de presentar o certificado COVID-19, denega as medidas cautelarísimas para que se anulase esa obrigación solicitadas pola Asociación Liberum e por titulares de establecementos de hostalería, restauración e lecer nocturno de Santiago de Compostela, pois a medida que instan suspender xa carece de vixencia en Galicia ao non ser autorizada polo TSXG. Contra os autos non cabe presentar recurso.

Artigos relacionados

Back to top button