CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O tuba e director da Banda de Música de Sober, Miguel Franqueiro, reforzará a plantilla da orquestra do Teatro alla Scala de Milán

Conseguiu este posto na formación de ópera máis importante do mundo despois de gañar unha audición

O músico Miguel Franqueiro Becerra, tuba e director da Banda de Música de Sober, reforzará a plantilla da Orquestra do Teatro Alla Scala de Milán despois de gañar unha audición de tuba na formación de ópera máis importante do mundo.

 

Miguel Franqueiro.

 

Así, Franqueiro fixo unha proba a telón (sen contacto visual co xurado), na que tivo que interpretar a Blazevich, Wagner, Léo Delibes e Verdi, entre outros compositores. Finalmente alzouse como gañador fronte a aspirantes de diferentes partes do mundo.

Entre máis de 40 inscritos tan só tres músicos pasaron á final na que tiveron que tocar, ademais da tuba, o cimbasso, un instrumento tradicional italiano que empregan para interpretar obras de Verdi. A proba incluía este instrumento que o músico terá que manexar nos seus debuts coa orquestra. Trátase, tal e como explica Franqueiro, dunha proba “que esixía unha gran preparación e moita concentración”.

Así, debido a que a orquestra ofrece funcións diarias para as que necesitan músicos de reforzo, o tubista terá que facer programas con ela con bastante asiduidade.

 

En Milán.

 

Ademais de dirixir a Banda de Música de Sober, Miguel Franqueiro Becerra é o tuba de reforzo na Real Filharmonía de Galicia. Colabora tamén con outras orquestras nacionais e internacionais, como a Sinfónica de Galicia, a Orquestra Nacional de España, a Orquestra de RTVE, a Orquestra do Liceo de Barcelona ou a Filarmonica Teatro Regio de Torino.

Artigos relacionados

Back to top button