En portadaÚltima hora

O Túnel de Montefurado forma parte dun conxunto mineiro romano que chega a Valdeorras

Así se recolle nun estudo multidisciplinar que vén de rematar o CSIC e no que colaborou o arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer

Túnel romano de Montefurado (Quiroga)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) vén de finalizar o estudo multidisciplinar do Túnel de Montefurado (Quiroga, Lugo), unha das obras máis representativas da minería de ouro
romana. O estudo enmárcase nunha actuación máis ampla, encargo da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, que abranguía dous grandes bloques: estabilidade estrutural e valor histórico-arqueolóxico.

O primeiro bloque era executado o Instituto Xeolóxico Mineiro de España e a empresa Terrae Geoconsulting S.L, mentres que o segundo corría a cargo do Instituto de Historia do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC (Madrid), baixo a dirección dos investigadores Brais X. Currás e Francisco Javier Sánchez-Palencia, do grupo de investigación EST-AP entre cuxas liñas de traballo figura a posta en valor das paisaxes mineiras da antigüidade e que levou a cabo traballos noutros “ montesfurados” romanos do Noroeste entre os que figura Pena Tallada (río Navia, Navia de Suarna) ou Couço do Monte Furado (río Coura, Vila Nova de Cerveira).

“O túnel serviu para desviar o Sil do seu leito orixinal, co obxecto de aproveitar estacionalmente as areas auríferas do leito do río. Durante o inverno pechábase, devolvendo o río ao seu leito orixinal, de tal forma que o ouro, arrastrado constantemente pola choiva que erosiona os depósitos mineralizados consolidados, depositábase no leito. Logo, durante a tempada seca, o río derivábase de volta polo túnel (para así poder recuperar todo o ouro atrapado no fondo do leito deixado en seco”, segundo os investigadores do CSIC.

Un conxunto mineiro que derivaba as augas do Xares

“Tras un ano de estudo a través de medios de teledetección como a fotografía aérea histórica, voos con drons ou o uso da tecnoloxía LiDAR, constatouse que o túnel non é unha realidade illada, senón que forma parte dun conxunto mineiro moito máis amplo. Durante os dous séculos que durou aproximadamente o desenvolvemento da minería do ouro no noroeste da Península Ibérica tras a conquista levada a cabo por Augusto, todo o tramo medio do río Sil foi intensamente explotado. As marxes do río aparecen balizadas por decenas de labores mineiros que agora puideron ser documentadas con precisión”, destaca.

O equipo de investigación documentou a rede hidráulica que abastecía de auga ás frontes mineiras e, en colaboración co arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer, puídose identificar con detalle o trazado da rede hidráulica que derivaba o río Xares ata as minas situadas xunto ao Montefurado, así como outra canle, peor conservado, que levaba as augas do Regueiro de San Martiño, situado nas inmediacións de Seadur (Larouco).

“É fundamental afondar na posta en valor do conxunto mineiro de Montefurado, obra de gran atractivo e potencial patrimonial e entre os nosos proxectos futuros en relación con este espazo figura a elaboración de novos paneis, o deseño dunha nova ruta sinalizada ou a edición dunha guía, así como a organización, cando as circunstancias o permitan, de actividades na zona dirixidas á comunidade local e público xeral nas que se presenten os resultados dos traballos realizados”, conclúen os investigadores.

Artigos relacionados

Back to top button