EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O Túnel do Viño da D.O. Monterrei en Lugo reúne a máis de 70 persoas

Desenvolvíase con éxito ao longo de cinco horas nas que os asistentes podían catar referencias de 19 adegas amparadas por esta denominación
Un dos momentos deste Túnel do Viño na D.O. Monterrei./ Foto cedida polo CRDO Monterrei.

Ao longo de cinco horas desenvolvíase na xornada do 10 de outubro en Lugo o Túnel do Viño da D.O. Monterrei coa asistencia de máis de 70 persoas. A actividade, dirixida polo sumiller Luis Paadín, prolongábase dúas horas máis das inicialmente previstas “debido ao éxito de participantes, profesionais da hostelería e restauración, sumilleres, distribuidores, alumnos e profesores de escolas de hostelería”, tal e como destacan dende o Consello Regulador da D.O. Monterrei.

Os asistentes descubriron as diferentes tipoloxías de viños brancos e tintos que se elaboran nesta denominación. En concreto cataban os viños de 19 adegas desta zona produtiva: Pazos del Rey, Ladairo, Gargalo, Castro de Lobarzán, Quinta do Buble, Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Boo-Rivero, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Concepción Paradela Martínez, Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Trasdovento e Pazo das Tapias.

Ademais recibiron información sobre a historia, características edafoclimáticas, orografía, variedades de uva e tradición vitivinícola nesta comarca do sur de Ourense. Esta iniciativa está incluida dentro do programa de accións promocionais de Monterrei para o ano 2018, que achegou os viños da denominación a cidades como Bilbao, León, Barcelona, Santander, Ourense Madrid ou A Coruña.

Artigos relacionados

Back to top button