EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

O turismo das estrelas reúne a científicos e afeccionados na Veiga

As “II Xornadas de Astroturismo” desenvólvense do 11 ao 13 de setembro neste concello, un dos 14 lugares do mundo con certificado “Starlight”

“Esta é a primeira actividade que organizamos tras obter o certificado de destino “Starlight”, un recoñecemento de que o ceo de Trevinca é un dos catorce mellores do mundo. Este é tamén o resultado do traballo dos veciños da Veiga”. Deste xeito abría o alcalde veigués, Juan Anta, no salón de actos do Toural as “II Xornadas de Astroturismo” que se desenvolverán do 11 ao 13 de setembro neste concello valdeorrés.

Esta cita, que reúne a científicos, afeccionados ao mundo da astronomía e a público en xeral, inaugurábase nun acto que contaba coa presenza, entre outras autoridades, da directora xeral de Turismo, Nava Castro, que destacaba a “exclusividade” da Veiga como destino tras obter o recoñecemento “Starlight”; así como do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen destacaba as “excepcionais de determinadas áreas do concello de A Veiga para contemplar os ceos estrelados fan que este municipio e a provincia de Ourense entren nun segmento emerxente do turismo que é o astroturismo ou turismo das estrelas”, e que a Deputación de Ourense colaborou para que fose posible tramitar o expediente para esta certificación, que recibiu o concello o pasado 4 de agosto.

Tamén tomaba a palabra neste acto o presidente da Asociación de Hostalaría e Turismo Trevinca (Trevihost), Marcos Pérez, quen fixo un percorrido pola gran variedades de recursos turísticos deste concello de montaña que conta coa montaña máis alta de Galicia, Trevinca, quen incidía ademais na importancia da certificación “Starlight”.

De seguido, abríase o programa deste foro de astroturismo coa intervención do asesor astronómico Óscar Blanco. O 12 de setembro, a xornada comenzará ás 11h. na biblioteca da Veiga coa conferencia “Curiosidade, Sr. Spock, insaciable curiosidade (literatura estelar)” da escritora Estíbaliz Espinosa. Despois, Mario García falará sobre a “Posibilidade de vida en exoplanetas baseada en fluídos diferentes á auga” e Óscar Blanco exporá o tema “Auroras, a maxia do ceo. Experiencias en Laponia e Islandia”. A actividade da mañá completarase cunha observación solar con telescopio de hidróxeno alfa. E, pola tarde, haberá unha nova ponencia, titulada “Postal Planetaria”, da man de Borja Tosar. Xa ás 21h. farase outra observación astronómica.

Esta segunda edición de AstroTrevinca completarase o día 13 ás 11:30h. na biblioteca veiguesa co desenvolvemento do obradoiro “O ceo ao alcance da man”, impartido por Xoán Antón Leiro e Emilio Castro Otero.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button