OurenseÚltima hora

O último tramo do 54 Rallye de Ourense pasará por Allariz

Escudería Ourense e Concello asinan un convenio que durará tres anos

Anterior edición do Rallye de Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

É unha das novidades desta edición do Rallye de Ourense que se celebrará os días 16 e 17 de xullo: o último tramo pasará polo municipio de Allariz, grazas ao convenio de colaboración asinado na mañá deste mércores 7 de xullo entre o Concello e a Escudería Ourense.

Cristina Cid, alcaldesa de Allariz e Julio Bouzo, Presidente da Escudaría firmaban ese acordo que posibilita que o Rallye de Ourense pase por Allariz durante 3 anos, aínda que con posibilidades de futuras colaboracións entre a administración e a escudería.

A alcaldesa manifestaba a importancia deste acontecemento por dous motivos. O primeiro “porque os veciños e veciñas de Allariz poderán gozar de que a proba pase por aquí, e o segundo que toda a xente que se achegue a ver o Rallye no tramo que transcorrerá pola OU-300 coñeza os encantos do noso municipio”.

 

Sinatura do convenio entre a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid e o presidente da Escudería Ourense, Julio Bouzo.

 

Por outra banda, resaltaba a importancia de que un dos pilotos participantes da proba sexa alaricano e poida correr na casa. Javier Pardo participará nesta 54ª edición. Cunha prometedora carreira, Javier ten acadado triunfos importantes dentro do motor. Vén dunha familia vencellada a este mundo, xa que o seu pai tamén foi piloto chegando a gañar en varias ocasións.

Julio Bouzo sinalaba durante a rolda de prensa, que a familia Pardo e a Escudería de Ourense sempre mantiveron unha gran relación dende fai máis de 25 anos, confesando que dende a organización levaban tempo querendo facer un tramo en Allariz.

“A estrada que transcorre entre Podentes e Allariz, a OU-300, acollerá o último tramo da xornada o sábado 17 de xullo e ao finalizar este tramo o reagrupamento realizarase na zona do Arnado, en Allariz”, explicou o presidente da Escudería Ourense, adiantaba que os test que se realizarán o martes, aínda que non son obrigatorios para os participantes, tamén transcorrerán na zona de Allariz.

A proba será retransmitida pola televisión tanto autonómica coma estatal, e os seguidores do motor poderán gozar do tramo de Allariz dende calquera punto vía streaming.

Artigos relacionados

Back to top button