CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O universo pictórico da barquense Lola Doporto, na sede de Afundación en Vigo

A súa exposición "Alén dos soños" achega obra inédita e poderá verse ata o vindeiro 17 de abril na cidade olívica

 

“Tanxe, que tanxe, nena rebuldeira coas mans que buligan coma bolboretas”. Con esta cita do poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán recibe ao visitante a nova exposición de Lola Doporto, “Alén dos soños”, que poderá visitarse ata o vindeiro 17 de abril na Sala2 de exposicións de Afundación en Vigo (entrada pola rúa Velázquez Moreno, 21) en horario de 17:30h. a 20:30h. de luns a sábado.

Nela pode percorrerse a evolución artística desta pintora, natural de Millarouso (O Barco), así como a súa última obra, inédita ata agora. Mantendo a súa esencia e os seus elementos máis característicos (como as subxugantes miradas dos seus personaxes, así como a presenza recorrente de monicreques, aves e doutros animais do seu personal universo, como os touros), Doporto evoluciona no seu particular uso da cor e na técnica.

“Sabedora do poder do color sobre o noso estado de ánimo, intenta ben con pinceladas ben con paleta, contaxiarnos optimismo valéndose de unha gama cromática que nos predispón a alegría e ao dinamismo pero, ao mesmo tempo, sen deixar de intrigarnos coa miradas de un séquito papal acompañado de galos alegóricos e impoñentes na súa seriedade e no seu colorido, ou un Martín Códax, o “Cantor de Vigo” como dicía X. M. Álvarez Blázquez, que o presenta alén dos soños entre os pasos da fraga, ao pé do Peto das Almiñas do río Verdugo que os protexen, e dende as Alvedosas ata as Cíes”, tal e como explica no catálogo da mostra J.A. Porto.

Tamén dende as páxinas dese mesmo catálogo Tareixa Taboada convida a mergullarse no universo plástico da creadora valdeorresa. “Máis encriptada que social, a obra de Lola Doporto, de grande potencia expresiva, é íntima e auto referente no misterio que oculta; é precisa unha análise fonda do seu persoal, valente e exquisita pornografía da alma”.

 

 

 

Precisamente nese carácter misterioso dos personaxes dos cadros incidía o artista ourensán Antón Pulido no acto inaugural da mostra, o pasado 5 de marzo. Nel Lola Doporto tamén estaba acompañada por Bieito Ledo, polos alcaldes do Barco, Alfredo García, e de Vigo, Abel Caballero, así como pola concelleira de Cultura, Uxía Blanco, e por numerosos valdeorreses.

“Cando vemos a pintura de Lola, con esas pinceladas, esas texturas, esas rascadelas que fai coa espátula, comprobamos que cada cadro ten os seus mundos, as súas vidas, os seus misterios, os seus silencios. Teñen ese misterio e que cada un dos espectadores ve algo propio e diferente ao que ve a pintora”, destacaba Pulido, incidindo que a barquense “é unha gran colorista e debuxa moi ben”. Ademais, incidía no seu salto ao escultura, ao incorporar maniquíes que semellan figuras recén saídas dos cadros, mantendo incluso as texturas das pinceladas.

 

 

Pola súa banda, Lola Doporto amosábase “moi orgullosa” de dar o paso de poder expoñer en Vigo, ademais de feliz por que o público “vexa nas cores e nas miradas dos meus cadros todo esa forza, que é o que eu quero transmitir”. Ademais amosaba o seu agradecemento a todos os presentes no acto, con referencia especial aos “meus amigos de Valdeorras”.

Nesta inauguración tamén interviñan o alcalde do Barco, quen aseguraba que “é unha honra para este concello contar cunha pintora como Lola, que ten un potencial tremendo”, e o de Vigo, Abel Caballero, que cualificaba esta mostra “de gran exposición, é unha satisfacción para todos”.

Fotos: Rufino/ cedidas.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button