CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

O universo poético de Juan Carlos Mestre, no Barco

Este autor berciano ofrecía no marco do VI De Perto o recital “Eloxio da palabra”

A voz convertíase na principal aliada de Juan Carlos Mestre para poder compartir a súa poesía co público na noite do 29 de xullo no Teatro Lauro Olmo do Barco. Versos, nalgún caso inéditos, acompañados ademais pola lene melodía do seu acordeón no recital titulado “Eloxio da palabra”. Un auténtico luxo para os sentidos.

Nesta actuación, na que era presentado polo técnico de Cultura barquense Gustavo Docampo, Mestre lembraba ademais a especial conexión literaria que ten con Valdeorras dende a adolescencia. Con apenas 15 anos presentaba os seus versos a un certame convocado no Barco e ganaba o segundo premio. A parte dunha dotación económica, o galardón incluía un lote de libros que lle permitían descubrir a poesía galega de Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro.

Este recital é a terceira actuación incluída no VI De Perto, un ciclo que continuará o día 3 de xullo da man da narradora oral Ángeles Goás, pero fárao con modificacións sobre o programa inicial. O espectáculo de Goás, “O medo é libre”, poderá verse na Sala Julián Trincado da Casa Grande de Viloira ás 20:30h.

 

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button