CulturaCulturaÚltima hora

O valdeorrés Albino Prada abre a XXXVII Semana Galega da Filosofía en Pontevedra

Na súa intervención abordaba o "hipercapitalismo dixital", analizándoo de maneira crítica e platexando alternativas

 

Logo dunha paréntese dun ano, por mor da pandemia do Covid-19, neste luns 5 de abril iniciábase a XXXVII Semana de Filosofía, adicada á “Filosofía e Civilización Dixital”. Esta temática estaba xa programada para a edición 2020, que tivo que cancelarse, e fora escollida “antes de coñecerse a existencia do Covid e as súas consecuencias”, tal e como se apunta dende a organización deste encontro, que tamén destaca a súa “relevancia nos últimos meses co teletraballo, a realización de trámites administrativos a través da sede electrónica ou a dixitalización tamén, das relacións sociais e afectivas”.

O acto inaugural do programa da Semana tiña lugar esta mañá da man do novo presidente da Aula de Castelao, organizadora da Semana, Alexandre Cendón que sucede no cargo a Ana Regueira. Na súa intervención, Cendón agradeceu o “pulo e esforzo de compañeiros e compañeiras e interese dos participantes que cada ano asisten á mesma” e a todas as institucións, que a fan posible como o Concello de Pontevedra, Deputación, Universidade de Vigo, Cultura e Política Lingüística de Xunta de Galicia, etc.

“Cómpre pensar arredor da civilización na que estamos mergullados: a tecnoloxía dixital abriunos as portas a unha virtualidade na que cada vez pasamos máis tempo. Unha virtualidade que se nos impón e e solapa coa realidade, facendo difícil a distinción entre ambas. Co tempo, os puntos de unión entre ambas son máis resistente. O mundo dixital configura as nosas vidas”, indicaba, facendo despois un repaso polos temas que se debaterán nos vindeiros días neste foro.

O programa abríase cun relatorio do valdeorrés Albino Prada Blanco ensaísta, profesor e investigador de ECOBAS; foi membro do Consello da Cultura Galega na Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade. Representou á Universidade de Vigo no Consello Económico e Social de Galicia, tendo sido Decano da Facultade de Economía e Empresa.

 

Albino Prada durante a súa intervención na Semana Galega de Filosofía.

 

A súa ponencia, programada xa para a Semana 2020 e centrada na que daquela era a súa última publicación “Crítica do hipercapitalismo dixital” (2019), viuse lixeiramente actualizada pola publicación posterior do seu traballo “Caminos de incertidumbre” (2020).

Albino Prada divivía a súa intervención en tres partes: a primeira destinada á plentexar a existencia do hipercapitalismo, a segunda á crítica do mesmo e a terceira ás altenativas. “Está a pasar coa dixitalización o mesmo que pasou coa electricidade e formas previas de enerxía. Sempre hai grandes grupos de investimento e finacieros que son quen modulan e modelan hacia onde se desenvolven as pontecialidades dunha tecnoloxía. Google, Amazon, Microsoft, Intel, Apple, etc. hai dous grupos sempre presentes detrás destes Vanguard Group e Black Rock. Marcan os obxectivos, condicionan cara onde se decide camiñar”.

Ademais Prada apunta á necesidade de non caer nin na tecnofilia nin na tecnofobia: “non son tecnófobo nin tecnófilo, pero teño claro que o hipercapitalismo é criticable: lonxe dunha economía de mercado competitiva o que se conforman son monopolios e oligopolios”. Tras citar novamente a Amazon, Google, Apple etc, que “nunca terían existido sen diñeiro público” apuntaba á manipulación de prezos de patentes, obsolescencia programada, destrucións de emprego físco en prol do virtual e aseguraba a que a dixitalización e a globalización provocaron a parálise na reducción da xornada laboral.

 

 

“O hipercapitalisto fai que o crecemento económico vaia acompañado dun subdesenvolvemento social e un colapso medioambiental. Non necesitamos moita intelixencia artificial, senón intelinxencia social e colectiva, e moito máis poder globar rexido por esa intelixencia social e colectiva” e puxo como exemplo a Xapón. “Non é un país tecnófobo pero teñen unha cousa clara: que ao carón de sectores exportadores moi automatizados -no que se deu en chamar industria 4.0- ten que haber moitas actividades (nos servizos persoais, públicos, no comercio, ensino, sanidade, etc.) onde o prioritario sexa o emprego de calidade e a atención persoal ó usuario”.

Xa na última parte da súa exposición referíase ás alternativas e solucións ao hipercapitalismo, apuntaba que “hai que poñer enriba da mesa o concepto de soberanía tecnolóxica: un país non pode renunciar a isto se non quere vivir baixo o réxime colonial de estas empresas”. Albino Prada, tamén incidía en que “non podemos aceptar que os sistemas fiscais e de protección social (baseados en gravar o consumo e os salarios) se debiliten máis a cada paso. Distribuír entre todos o, a cada paso, menor tempo de traballo preciso, e facelo participando todos da crecente riqueza producida, é un dos retos fundamentais deste século XXI. Pódese facer ó mesmo tempo que se evita o colapso ambiental ó que nos levan os optimistas tecnolóxicos”, concluíu.

Fotos: cedidas pola XXXVII Semana Galega de Filosofía.

Artigos relacionados

Back to top button