EconomíaEconomíaÚltima hora

O valdeorrés Albino Prada amosa no seu novo libro que máis riqueza non sempre se traduce en benestar social

Este economista vén de publicar o ensaio "Riqueza nacional y bienestar social. Más desarrollo con menos crecimiento", editado pola Universidade de Vigo

Albino Prada co seu novo libro./ Foto: Duvi.

 

Para coñecer en detalle o nivel de benestar dunha sociedade é preciso poñer o foco en dous grandes vectores: que o seu crecemento sexa sostible socialmente e que tamén resulte sostible desde o punto de vista do medio ambiente. Así o asegura o economista e ensaísta valdeorrés Albino Prada no seu novo libro “Riqueza nacional y bienestar social. Más desarrollo con menos crecimiento” (2021, Universidade de Vigo).

Nas súas páxinas recalca, a nivel social, a importancia de ver se se está a mellorar a cobertura e calidade da rede sanitaria dun país, da protección social dos seus cidadáns, se se vela porque se manteña a equidade e se loita contra as desigualdades, se se está xerando emprego de calidade… “Se medra moito o PIB pero todas estas cuestións son cada vez máis débiles e de menor calidade, de que vale tanto crecemento?”, di Blanco.

Este ensaio, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo dentro da colección Miscelánea, plantexa unha folla de ruta “válida a escala mundial” sobre que nivel de crecemento económico é compatible coa sostebilidade global do planeta e o benestar dos seus habitantes. Está escrito nunha linguaxe moi accesible buscando chegar con claridade a todas aquelas persoas que queiran informarse sobre que camiños deben emprenderse se o destino ao que se aspira chegar é unha sociedade máis xusta e igualitaria, máis pendente do benestar dos seus cidadáns que do crecemento constante do seu Produto Interior Bruto (PIB).

O libro xurde coa pretensión de “sacar do gueto académico” o froito do traballo de investigación realizado por Prada ao longo dos últimos sete anos en colaboración con outro investigador de Ecobas, Patricio Sánchez. “Tiña a sensación de que todo ese esforzo non transcendía ao conxunto da sociedade e que debíamos achegar esa información ao ámbito da divulgación social”, conta. Nos seus estudos puideron comprobar que determinados países ou rexións, tendo un nivel relativamente alto ou alto en riqueza, medido no PIB per capita, baixaban moitos postos se o que se medía era o benestar social; e viceversa, rexións que, cunha riqueza máis modesta, acadaban niveis moito maiores de benestar social.

Estes estudos iniciais foron ampliados cun terceiro nivel no que decidiron pór o foco unicamente na poboación infantil e o resultado, recollido no capítulo 4 deste ensaio, foi o mesmo: máis riqueza non sempre se traduce en maior benestar. “Chama moito a atención, por exemplo, e así o recollo no libro, a situación da poboación infantil entre Estados Unidos e Cuba”, resalta o autor.

 

 

Este volume tampouco pasa por alto a crise actual derivada da pandemia e que ten suposto un colapso económico importante e unha caída dun 11% do PIB. “Neste caso o que me parece máis sintomático e preocupante é que practicamente todo o mundo querería recuperar eses puntos do PIB e, se fose posible, todos dun golpe. Xa nin sequera parece un éxito medrar arredor dun 6% nun ano, que é onde se sitúan as últimas previsións do goberno”, recalca o investigador, quen emprega este ensaio para defender con firmeza a idea de que “chegaría con medrar ao 5%, sempre e cando ese crecemento se transforme en benestar social. De que nos vale medrar ao 10 ou ao 15% se o nivel de benestar social empeora?”, insiste o investigador.

Na última parte do ensaio Prada presenta unha serie de propostas que fan posible que a relación entre un nivel de riqueza dun país ou dunha rexión co seu nivel de desenvolvemento ou benestar social estea máis igualado. “Non se trata de emular ao máis ricos, senón a algúns menos ricos que alcanzaron logros de desenvolvemento semellantes”, explica, facendo ademais unha clara defensa dunha educación e sanidade universais e públicas, algo clave para o benestar e estabilidade da poboación a escala mundial. “No ensaio enumero propostas de actuación para lograr maiores niveis de desenvolvemento sen maior PIB, con menos salarios, pero con moito máis tempo libre dispoñible para todos aqueles usos da riqueza social que xeran desenvolvemento e nos que o exceso nunca significa malgastar”, recalca Prada.

Entre os múltiples exemplos que Prada enumera figura e o da chamada “transición dixital”. Se ben na actualidade semella haber unha alianza mundial a prol da dixitalización, o ensaio alerta da necesidade de pararnos e pensar que cousas convén dixitalizar e cales non. “Podemos decidir que hai actividades, por exemplo no sector servizos, nas que consideramos máis importantes outros obxectivos: o emprego humano directo, que non quero que o faga desaparecer a dixitalización e, ao mesmo tempo, a posibilidade de gañar en autonomía, en resiliencia e en capacidade de poder prestar eses servizos dunha maneira descentralizada e con recursos locais”.

Artigos relacionados

Back to top button