A RúaConcellosÚltima hora

O valdeorrés Alfonso Blanco presenta na Rúa a primeira longametraxe da súa produtora Portocabo

O filme "Cuñados", rodado en galego e integramente na provincia de Ourense, estreábase esta fin de semana en 122 salas de toda España, con gran aceptación por parte do público

 

Despois de presentala en Ourense, Madrid, Barcelona e A Coruña, a comedia galega “Cuñados”, rodada integramente na provincia de Ourense pola produtora Portocabo, chegaba esta fin de semana a 122 salas de toda España, converténdose en só dous días na 8ª longametraxe máis taquilleira a pesar de estar rodada en galego. Todo un orgullo para o seu produtor executivo, o petinés Alfonso Blanco “Fosco”, que non quería deixar pasar a oportunidade de presentala el mesmo na casa, en Valdeorras.

Facíao na tarde deste domingo 11 de abril no Centro Cultural Avenida, diante dun bo público (malia a difícil situación) que asistía á terceira proxección da fin de semana na sala. O propio alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, recoñecía que o momento non era o mellor debido ás restricións pero “así e todo, malia a redución de aforo e as medidas, nótase o cariño da xente”, dixo, dando as grazas aos asistentes e ao propio Alfonso “por ter o detalle de presentar o filme e encontrarse co público na Rúa”, desexándolle moito máis éxitos.

Trala presentación do concelleiro de Cultura José Vicente Solarat e a intervención do alcalde, era o produtor do filme quen se dirixía ao público asegurando que era unha honra poder presentar o seu proxecto na casa. “Fosco”, como é coñecido en Valdeorras, é natural de Freixido de Abaixo (Petín) e foi precisamente no Cine Avenida onde viu as súas primeiras películas. Un rues, Manolo González, sería tamén clave na súa carreira. “El como director da Escola de Imaxe na Coruña foi quen me dixo que como me gustaba escribir e o cine, e sabía de números e de dirección debería estudar produción, nun momento no que esa figura practicamente non existía en Galicia”, explicou. Fíxoo e nada máis saír da escola a súa primera produción era Mareas Vivas. Depois virían moitas máis ficcións para a TVG como Terras de Miranda, As Leis de Celavella, Padre Casares, Matalobos,…

 

Alfonso Blanco “Fosco”, na presentación de “Cuñados” no Centro Cultural Avenida da Rúa.

 

Ata que nun momento dado Alfonso decidía montar a súa propia produtora. “Fomos numero 1 en Galicia durante moitos anos pero os produtos non se vían fóra. Era un orgullo facelo en galego pero non conseguiamos que se visen máis alá de Galicia e eu dinme conta de que era incrible o talento que había comparado con España e incluso con Europa”, asegura. Así nacía hai once anos a produtora Portocabo “coa idea de poder facer contido dende Galicia que saise a España e o resto de Europa. Foi unha viaxe dura porque queriamos ser unha das primeiras produtoras que fixera coprodución internacional”, asegura. Custou pero despois de varios proxectos como Vidago Palace ou Auga Seca e moito traballo, conseguían facer Hierro, a serie que os colocou no mapa. Esa viaxe que comezou con Manolo González no Cine Avenida da Rúa e continuou con Mareas Vivas culminaba coa serie que era estreada en 19 países, ofrecéndolle a oportunidade de dar un paso máis: rodar a longametraxe Cuñados en casa.

“Rodei por moitos sitios pero nunca o fixera en Ourense polo que pensei que cando tivese unha posición suficientemente sólida para poder decidir, volvería a casa para rodar en galego con xente que comezara comigo hai xa 22 anos”, dixo “Fosco”, asegurando que Cuñados abre tamén unha porta para que o humor funcione en Galicia, no resto de España e tamén en Europa, sendo “un filme moi ourensán (as comunións, o baloncesto, a música de Lamatumbá,…), pois conta unha historia que só podía pasar en Ourense”.

Á estrea na Rúa non faltaron amigos, compañeiros, familiares e veciños, entre eles a alcaldesa de Petín Raquel Bautista Carballo.

Fotos: Mónica G. Bellver

 

Artigos relacionados

Back to top button