CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

O valdeorrés Alfonso Blanco, primeiro galego en entrar na International Academy of Television Arts & Sciences

É a maior organización de empresas de produción, distribución e radiodifusión do mundo

Alfonso Blanco | Autoría: Jaime Olmedo/Movistar +

Entre os nomes dos 32 novos integrantes da International Academy of Television Arts & Sciences está o do valdeorrés Alfonso Blanco (Freixido de Abaixo, Petín, 1970), director xeral de Portocabo. Deste xeito, Blanco vén de converterse no primeiro galego en formar parte desta organización, “e tamén no único español en ser admitido nesta ocasión”, tal e como se destaca dende Portocabo.

Fundada en 1969 e con sede en Nova York, a International Academy of Television Arts & Sciences é a maior organización de empresas de produción, distribución e radiodifusión do mundo. Anualmente, recoñece a excelencia na programación de televisión producida fóra dos Estados Unidos a través dos Premios Emmy, que se celebran cada ano no Hotel Hilton de Nova York atraendo a máis de 1.200 profesionais da televisión.

Polo momento, na listaxe de membros que compoñen a Academy of Television Arts & Sciences só se atopaban seis profesionais de España (Jordi Bosch, Alberto Carullo, Laura Fernández, Geraldine Gornard, Javier Méndez y José Velázquez), aos que se suma agora Alfonso Blanco como sétimo integrante.

A traxectoria

Alfonso Blanco conta con máis de 300 horas en prime time na televisión española e comezou desenvolvendo a súa carreira en series como Mareas Vivas, Terra de Miranda, As leis de Celavella, Padre Casares ou Matalobos, películas de televisión como La Rosa de Alejandría e para cine como El menor de los males, De Bares e Catalina.

En 2010 funda Portocabo, onde ocupa o posto de CEO, posicionando á compañía nos principais mercados europeos de coprodución e establecendo unha rede de alianzas extendida para producir ficción para o mercado global. Nos dez anos de traxectoria de Portocabo converteuse nun dos produtores executivos máis relevantes do país, producindo ficción para  Disney Italia, RAI, RTP, TV3, TVG, TV Canarias, MOVISTAR + e ARTE France, e supervisando todas as fases das últimas series da produtora: Hierro, o multipremiado crime drama -coprodución con Francia para Movistar+-,  Auga seca -coprodución con Portugal-, o kids live-action Miracle Tunes -coprodución con Italia- ou o drama romántico Vidago Palace -coprodución con Portugal e rodada en parte Verín-.

Artigos relacionados

Back to top button