PolíticaÚltima hora

O valdeorrés Avelino García, número tres do PP por Ourense ao Congreso

A candidatura estará encabezada por Ana Belén Vázquez, seguida de Celso Delgado Arce
Presentación das candidaturas do PP ao Congreso e ao Senado por Ourense.

“Escollemos a persoas que teñen moi claro cales son os obxectivos a conseguir nun momento político que esixe fiabilidade”. Deste xeito refírese o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, ás candidaturas que este partido presentará ao Congreso e ao Senado pola provincia de Ourense ás eleccións xerais do 28 de abril.

A lista popular ao Congreso terá como número un a Ana Belén Vázquez Blanco, acompañada en segundo lugar por Celso Delgado Arce, seguidos do valdeorrés Avelino García Ferradal (actualmente senador) e Belén Gómez Quevedo. Ana Belén Vázquez expresou o seu agradecemento por encabezar “unha candidatura que traballará como ninguén por Ourense, que coñecemos moi ben pois cada un de nós representamos unha parte da provincia”.

Miguel Ángel Viso Diéguez será o número un da candidatura popular ao Senado, onde estará acompañado por María del Carmen Leyte Coello e Francisco José Fernández. Para Viso Diéguez “é unha enorme responsabilidade seguir contribuíndo para gobernar co proxecto político que máis e mellor nos defende, sempre con Ourense na cabeza”.

As candidaturas ao Congreso e ao Senado van facer fronte a grandes retos “como repetir os resultados das xerais de 2016, que non está ao alcance de ningunha outra formación política, mesmo aspirando a ser a provincia co maior apoio electoral a un partido”, dixo Baltar lembrando que o PP de Ourense xa foi a segunda provincia co mellor resultado en xuño de 2016 “e agora queremos ser os primeiros, coa representación máis ampla e ter tamén protagonismo na política nacional”.

Manuel Baltar recoñece que as eleccións de abril terán un certo grao de influencia 61 días despois nos comicios locais de maio, pero confía plenamente no aval que representa o Partido Popular e o seu proxecto político, “que fixo posible a gran transformación da provincia que significará a chegada da alta velocidade, a nosa condición de provincia termal, o patrimonio, a cultura e por suposto o Xacobeo do 2021, onde tamén queremos que sexan protagonistas os camiños que percorren a provincia, fundamentalmente a Vía da Prata”.

 

Artigos relacionados

Back to top button