CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O valdeorrés David Vázquez, galardoado nos Premios Frei Martín Sarmiento

A entrega destas distincións tiña lugar o 5 de xuño en Santiago
O escritor David Vázquez, natural de Arcos, recibindo o premio.
O escritor David Vázquez, natural de Arcos, recibindo o premio.

O Auditorio La Salle de Santiago convertíase o 5 de xuño en escenario do acto de entrega dos XI Premios Frei Martín Sarmiento e Premios REC-curta, que convocan a Federación Española de Relixiosos do Ensino de Galicia-Centros Católicos (Ferega-Ceca) e mais a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Este galardóns distinguen as obras seleccionadas en cada categoría polo alumnado, e polos seus pais e nais, dos centros que forman parte de Ferega-Ceca. Entre os premiados deste ano está o escritor valdeorrés David Vázquez, na categoría de 1º e 2º de ESO, pola obra “Améndoas e flores silvestres”.

Ademais facíanse cos galardóns os escritores Marcos Calveiro (na categoría de 1º e 2º de Educación Primaria, pola obra “Raro”), Jacobo Fernández (na categoría de 3º e 4º de Educación Primaria, pola obra “Marcopola e a illa remeira”), Xosé Henrique Ribadulla Corcón (na categoría de 5º e 6º de Educación Primaria, pola obra “Soños de mar” e Sabela González (na categoría de 3º e 4º de ESO, pola obra “Bágoa da lúa”).

O acto contaba coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen resaltaba na súa intervención a importancia dos Premios Frei Martín Sarmiento na promoción do uso do galego e tamén dos Premios REC-curta de audiovisual, entregados no mesmo acto, para “estimular a creatividade da xente nova na lingua propia de Galicia e o seu uso e visibilidade en espazos estratéxicos como o audiovisual ou as tecnoloxías da información e da comunicación”.

Artigos relacionados

Back to top button