En portadaSanidadeÚltima horaVídeos

O valdeorrés Francisco Barredo, que pasou 1 semana na UCI, recibe a alta tras superar o Covid

Francisco Barredo con dúas enfermeiras da UCI do Hospital de Ourense./ Cedida.

 

“Ninguén está libre de coller o coronavirus, podeste contaxiar en calquera lado, por iso é importante que a xente o pense dúas veces antes de saír sen mascarilla, hai que ter moita precaución. Hai que protexerse, é dicir, a mascarilla é a distancia social son a única forma de evitar a enfermidade”. É a mensaxe que lanza o empresario valdeorrés Francisco Barredo, de 56 anos, tras superar o Covid-19. Este barquense, que pasaba 12 días ingresado no Hospital de Ourense (7 deles na UCI), vén de recibir a alta neste 4 de xuño e xa está na súa casa.

Tras ser diagnosticado por coronavirus no Hospital de Valdeorras, onde tamén lle detectaban unha neumonía bilateral, era trasladado directamente ao hospital ourensán e ingresaba na planta sexta. “Pasei unha noite nesa planta e enseguida viñeron falar comigo os médicos da UCI para comentarme que era mellor ingresar en UCI porque ía estar máis controlado e que, ademais, había unha nova cánula que aportaba máis osíxeno. Ao final non me entubaron porque aguantei a cánula que aporta máis litros de osíxeno e é aire quente, polo tanto, non reseca tanto as vías respiratorias e pode aguantarse mellor”, conta Francisco Barredo.

 

Francisco Barredo, tras recibir a alta./ Cedida.

 

Deste xeito, ingresaba na UCI o 19 de maio e nela pasaba unha semana. Confesa que alí un “séntese só, pero sempre hai xente que te acompaña, porque son moi profesionais, sempre están pendentes de ti, para o que necesites, danche tratamento, cóidante, ti non te tes que preocupar de nada salvo de saír desta. Pero tamén ves que non sabes o que vai pasar, non es consciente porque estalo vivindo en primeira persoa, sempre hai unha esperanza e agárraste a ela”.

 

 

Ao mesmo tempo que Francisco Barredo, a súa familia tamén foi positivo, pero agora están todos con PCR negativos, tras superar a enfermidade. Francisco Barredo era o último paciente Covid que quedaba na UCI do Hospital de Ourense, onde só permanecen dous pacientes ingresados en planta.

 

Vídeo cedido.

Artigos relacionados

Back to top button