CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O valdeorrés Isidro García Tato, na inauguración da mostra do 75 aniversario do IEG Padre Sarmiento

A exposición conmemorativa terá itinerancia polas catro provincias galegas e tamén chegará á Casa de Galicia en Madrid

O 30 de novembro de 1943, trala desaparición do Seminario de Estudos Galegos, acordábase a creación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), adscrito ao Patronato de Humanidades Marcelino Menéndez Pelayo do CSIC, sendo constituído formalmente o 15 de febreiro de 1944. 75 anos despois, a institución conmemoraba o aniversario cuha serie de actividades ás que pon o broche de ouro unha exposición que percorre a súa historia e resalta o seu significado, profundizan na súa contribución no ámbito da humanística galega contemporánea.

Na primeira parte da mostra, unha docena de paneis explican ao visitante a traxectoria histórica do Instituto lembrando os antecedentes e primeiros pasos, así como aos protagonistas do seu posterior devir. Tamén ocupa un lugar destacado a importante contribución científica e cultural da institución, particularmente a través das súas múltiples publicacións. E xa na última parte, composta por oito paneis, destacan as diferentes coleccións histórico-artísticas e arqueolóxicas que atesora. “Entre elas figuran algúns obxectos singulares e un número non menor de obras asinadas por moi recoñecidos artistas galegos”, explica o director do Instituto. Como peche, hai varios paneis que destacan a importancia da biblioteca do Instituto, cun fondo supera os 50.000 volúmenes, además de algunhas coleccións documentais, entre as que destaca a de debuxos arqueolóxicos do estudoso Xosé Antón G. González-Ledo, composta por máis dun milleiro de láminas.

 

O conselleiro de Cultura Román Rodríguez durante a súa intervención na inauguración da mostra.

 

A inauguración da exposición tiña lugar na mañá do 24 de xuño no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela, presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez e contando coa presenza do delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio M. De Ron, do director do Instituto, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés e do historiador e investigador valdeorrés Isidro García Tato (membro do CSIC).

Na súa intervención, o titular de Cultura destacou o compromiso do Padre Sarmiento “no desenvolvemento de Galicia desde o coñecemento de Galicia”. Nesta liña, explicou que na mostra se expón a historia “dun centro de investigación senlleiro, que foi durante toda a súa historia, e é na actualidade, un referente indiscutido e indiscutible no estudo das humanidades, dentro e fóra da nosa Comunidade”, e concluíu subliñando que “a súa óptica sempre foi galega e a súa referencia sempre foi Galicia”, polo que agradeceu o compromiso e labor de todas as persoas que durante este tempo pasaron polo Instituto.

Baixo o título Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. 75 anos ao servizo de Galicia (1944-2019), a mostra temporal poderá visitarse no Hostal dos Reis Católicos ata o vindeiro 15 xullo. Despois terá itinerancia polas catro provincias galegas e tamén estará exposta na Casa de Galicia en Madrid.

Artigos relacionados

Back to top button