CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O valdeorrés Javier Rodríguez Tato é un dos 21 titulados da FP galardoados cun premio extraordinario da Xunta

 

O esforzo sempre ten a súa recompensa. Especialmente no ámbito da formación académica. De feito lograr un bo expediente é un traballo que se vei recompensado coa satisfacción persoal e sobre todo cunha boa saída laboral, pero hai veces que a recompensa é tamén económica.

E senón que llo pregunten a Javier Rodríguez Tato, un valdeorrés que vén de ser galardorado cun Premio Extraordinario de Grao Superior da FP. Unha aportación coa que a Xunta de Galicia recoñece a excelencia de 21 titulados da Formación Profesional (dous deles na provincia de Ourense) co obxectivo de “poñer en valor o traballo do alumnado que cursa estas ensinanzas con resultados excelentes”.

 

Javier Rodríguez Tato na oficina en Mariñas Asesores.

 

Para optar a estes premios os estudantes debían contar cunha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos, entre outros requerimentos e Javier tiña todo 10. “A verdade é que estaba moi motivado e animado por algún compañeiro decidín presentarme aos premios pero foi unha sorpresa ganalo. De feito pensei que daban máis non só un por ciclo, e non só conta o expediente senón méritos de cursos feitos a maiores, da Escola de Idiomas,…”, explica, recoñecendo que o Ciclo de Administración e Finanzas que cursou no IES Lauro Olmo do Barco, non foi a súa primeira opción. “Comecei a estudar Dereito na Universidade de Santiago pero deixeno medio de lado e metinme a traballar no sector da lousa ata que decidín cambiar de ámbito e animeime a facer o ciclo”, conta, recoñecendo que agora está contento.

E non é para menos xa que dende comezos de ano está traballando en Mariñas Asesores, moi preto da súa casa no Barco. “Fixen as prácticas o ano pasado durante dous meses e en xaneiro de 2021 entrei cubrindo unha baixa, non sei ata cando. A experiencia está sendo boa e noto moita diferencia con respecto ao anterior traballo que era completamente físico. Este é sobre todo mental e de cara ao público no que levamos todo o tema de administración de autónomos, empresas, sociedades, temas fiscais, comunidades de veciños,…” Aínda que non descarta marchar de Valdeorras chegado o momento, Javier asegura que está contento no seu posto de traballo no Barco, preto tamén dos seus avós (en Candeda e no Trigal).

 

Artigos relacionados

Back to top button