AutomobilismoDeportesÚltima hora

O valdeorrés Leo Pérez, cuarto no campionato galego de Karting alevín

Participaba esta mañá na derradeira proba da competición en Forcarei e quedaba tamén cuarto

Leo Pérez, no 34 Karting A Madalena./ Foto cedida.

 

Neste 25 de outubro completábase o calendario do Campionato galego de Karting en Forcarei (Pontevedra). O circuíto da Madalena acollía a quinta e última proba da competición autonómica marcada pola chuvia e mesmo pola pedra, na que competía o piloto alevín barquense Leo Pérez Pereira (que corre con BRM e con motores de Javier Modroño).

Malia que o valdeorrés loitaba ata o último momento, a sorte non o acompañaba na carreira. Primeiro falláballe o chasis e non conseguía agarre e despois, na final, o motor. Aínda así, Leo Pérez conseguía situarse cuarto tanto na semifinal como na final. E, rozaba ao podio do campionato galego, en cuxa clasificación final quedaba tamén en cuarta posición.

“O de hoxe foi un día malo, pero o mundo do motor é así”, comenta o pai de Leo, Julio Pérez, que fai un balance positivo desta tempada, condicionada pola crise do Covid, na que o xove piloto valdeorrés se estreaba na categoría alevín. “Foi o seu debú, o seu primeiro ano, e hai que ter en conta que era o máis pequeno da categoría, e fíxoo moi ben, compitió cos maiores, loitou con eles e chegou a ganarlles”, destaca.

Tras esta competición, Leo Pérez tomarase un pequeno descanso, pero xa en novembro comezará adestrar co fin de preparar o Campionato de Inverno de Cabañas Raras (León), previsto para decembro, co obxectivo de poder ganalo, tendo en conta o subcampionato logrado o pasado ano nel.

 

O piloto barquense observando o circuíto pontevedrés./ Foto cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button