CulturaCulturaÚltima hora

O valdeorrés Manuel Cruz recolle o seu galardón no “Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021”

Lograba un accésit polo seu traballo “Investigación fronte a praga da rata toupa”, emitido no programa televisivo "Labranza"

Manuel Cruz, no acto de entrega deste galardón./ Foto: RAGC.

 

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de celebrar esta tarde no Pazo de San Roque de Santiago o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021, e o Premio RAGC de Divulgación Científica 2021, convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia.

O evento, presidido polo presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, contou coa asistencia de numerosos académicos como a secretaria da institución, Pilar Bermejo, o académico da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, Ángel Carracedo, ou o responsable de publicacións e relacións sociais da Academia, Fernando Pérez González; así como a directora de Gain, Patricia Argerey; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; e o delegado institucional do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia, Antonio De Ron Pedreira; entre outras autoridades.

No caso do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021, un dos galardoados era o xornalista valdeorrés Manuel Cruz Rodríguez (O Barco de Valdeorras,1974). O seu era o segundo traballo mellor valorado polo xurado do certame, que decidiu outorgarlle un accésit por “Investigación fronte a praga da rata toupa”, traballo emitido o 10 de abril de 2021 no programa Labranza da CRTVG. “O xurado valorou que é unha peza xornalística que pon o foco nun problema que afecta economicamente á realidade galega e achega como se está a abordar desde un punto de vista científico para darlle solución”, tal e como destaca a RAGC. Manuel Cruz recibía de premio unha dotación de 1.000 euros, tamén acompañado dun diploma acreditativo.

Na súa intervención, Manuel Cruz falou dos inicios de O Agro, actual programa A Labranza, espazos que naceron nos inicios de TVG, destinados á xente do sector agrario, para servir na transmisión de coñecementos e na divulgación de novas técnicas que axudasen nas tarefas diarias do campo.

Recoñeceu que un dos aspectos que máis lle chamou a atención cando comezou a traballar neste programa foi a historia da investigación e a formación do sector agroforestal galego. “Fronte á imaxe que unha parte ten do sector primario como atrasado e inmobilista, ao rebufo das innovacións das cidades, descubrín a través de figuras como as de Cruz Gallástegui ou Rof Codina, a mellora da Raza Rubia Galega e o desenvolvemento pioneiro de millos híbridos, a Granxa experimental da Coruña, antecedente do actual Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, a Misión Biolóxica de Galicia, o traballo pioneiro da Universidade, primeiro en Santiago e despois en Lugo, no desenvolvemento do coñecemento aplicado á agricultura, a gandería e ao monte”, aseguraba.

Cruz agradeceu a colaboración nesta reportaxe audiovisual ao grupo de Neuroanatomía da Facultade de Veterinaria do Campus Terra de Lugo da Universidade de Santiago, que está a desenvolver unha estratexia para combater a praga da rata toupa, un roedor subterráneo que está a ocasionar moitas perdas en distintas zonas agrogandeiras da montaña luguesa, un traballo innovador e respectuoso co medio ambiente baseado no emprego de sinais químicos que axuden ao control deste roedor.

“Ás veces”, dicía Cruz, “semella que non vivimos os mellores tempos para a investigación, e especialmente para a investigación agraria e forestal, minusvalorada en ocasións polos plans orzamentarios e fora do foco da sociedade. Pero fronte este panorama, teño a constancia de que o espírito de investigadores como os deste grupo seguirá loitando por aportarlle un futuro mellor á nosa terra a través do desenvolvemento científico” .

O ganador do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021 era Alberto Quian (Vigo, 1976) pola peza xornalística titulada “Ciclodextrina: la conexión entre “El Señor de los Anillos’ y la pandemia de covid-19”, publicada o 19 de agosto de 2020 no diario dixital El Salto.

Artigos relacionados

Back to top button