En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O valdeorrés Miguel Arias lidera o concurso musical de Luar

Numerosos veciños de Valdeorras acompañárono na actuación en directo do venres 9 de decembro

Despois de pasar unha primeira e complicada fase interpretando “Extraños na noite” (o 30 de setembro), o representante de Ourense Oriental (Valdeorras, Viana e Trives) no concurso “Recantos”, Miguel Arias, subíase de novo ao escenario do Luar na TVG para superarse a si mesmo coa súa segunda actuación, conseguindo, non só convencer ao público (obtivo máis do 80% do respaldo) senón tamén ao xurado que lle outorgaba 24 dos 30 puntos en xogo (8 puntos cada membro).

Cun total de 32 puntos, o valdeorrés superaba así  á súa contrincante na segunda fase do concurso, Nere Perille das Terras do Eume, que quedaba con 18 puntos, liderando a clasificación e selando o pase á terceira fase.

Só unhas horas despois da actuación e de comprobar o respaldo e apoio da súa xente, Miguel está “moi moi contento” e iso que se a primeira canción era complicada, a segunda non quedaba atrás. “Grítenme pedras do campo é unha rancheira, que non é para nada o meu estilo pero acabei colléndolle cariño”, di rindo, asegurando que ao final o máis importante de estar no concurso “é poder amosar a miña terra, Valdeorras, que parece estar esquecida na televisión, e por suposto o apoio do público porque os puntos ao final non son máis que números”. Un público que non só lle amosou o seu cariño chamando por teléfono e dándolle 8 puntos dos 10 posibles, senón a través de mensaxes no camerino e coa presenza dun bo grupo de veciños, familiares e amigos que o acompañaron en directo, compartindo con el esta bonita experiencia.

Para a actuación, como complemento a un impecable traxe, Miguel elixíu unha vez máis unha paxariña deseñada pola súa amiga Laura Lameiro de A Veiga, celebrando ademais que “as dúas veces que actuei, o programa foi líder de audiencia”, di Miguel satisfeito co feito ata agora.

Algunhas das fotos da galería son de Aitor Ramos.

Artigos relacionados

Back to top button