PolíticaÚltima hora

O valdeorrés Miguel Bautista ocupa o seu escano no Senado en representación da provincia

O novo senador dos socialistas ourensáns será membro vocal das Comisións de Orzamentos, Dereitos da familia e de Incompatibilidades

Miguel Bautista renovando a declaración de acatamento da Constitución./ Foto cedida.

 

O petinés Miguel Bautista Carballo, que concorría en calidade de suplente ás Eleccións Xerais do 10 de novembro de 2019 na lista que o PSOE presentou en Ourense ao Senado, vén de ocupar o seu escano na Cámara Alta esta mesma tarde de 8 de setembro, instantes antes da comparecencia do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Bautista Carballo adquiriu a condición plena de senador o pasado mes de xullo mediante a presentación no Rexistro da Cámara Alta da acta notarial na que prometía acatar a Constitución.

Esta tarde, ao comezo da sesión plenaria, a presidenta do Senado, Pilar Llop, chamou ao novo senador galego para renovar a declaración de acatamento da Constitución. Despois, Bautista Carballo ocupou o seu escano na bancada socialista. O valdeorrés será membro vogal das Comisións de Orzamentos, Dereitos da familia e de Incompatibilidades.

Este senador chega á Cámara Alta en substitución de Juan Carlos Francisco Rivera, que renunciou á súa condición de senador recentemente, tras resultar electo como deputado por Ourense no Parlamento de Galicia, nas eleccións celebradas o pasado 12 de xullo.

Miguel Bautista Carballo naceu en Petín (Ourense), o 20 de xullo de 1958. É administrativo e estivo ligado ao Concello de Petín desde o ano 1999, tempo no que foi alcalde durante 20 anos ininterrompidamente, ata as eleccións municipais de 2019.

Ademais, entre 2011 e 2019 foi deputado provincial da Deputación de Ourense. De 2011 a 2015, formou parte como vogal da Comisión da FEMP Sociedade da Información e novas Tecnoloxías, e de 2015 a 2019, foi vicepresidente da Comisión da Sociedade da Información e Novas Tecnoloxías.

Artigos relacionados

Back to top button