En portadaÚltima hora

O valdeorrés Pablo Diéguez será un dos ciclistas presentes na Titan Desert “máis dura da historia”

Correrá co equipo Tres Lunas para promocionar a comarca na carreira por etapas que se disputará no deserto marroquí do 29 de abril a 4 de maio
Pablo Diéguez adestrando pola Rúa Vella.

Máis de 600 km nos que se combinarán montañas, dunas, navegación e un desnivel positivo de 7.500 metros fan da Titan Desert by Garmin 2018 a edición máis completa e esixente da historia. Polas súas características, está aberta a todo tipo de amantes da bicicleta e do deporte, pero sobre todo, do sacrificio. É, por riba de todo a carreira da superación persoal. Trátase dunha competición, si, pero para a maioría é sobre todo un reto. Conseguir o que poucos lograron no mundo, enfrontándose aos duros contrastes do deserto, á calor e á distancia nas peores condicións imaxinables, e lograr chegar á meta. Ese é o obxectivo que se marca Pablo Diéguez Cerdeira, natural da Rúa, un dos máis de 600 “titanes” que participarán na XIII edición da carreira en bicicleta polo deserto marroquí que se celebrará do 29 de abril ao 4 de maio, ao longo de seis duras etapas.

Non é o primeiro valdeorrés que participa na épica carreira, de feito o tamén rues Víctor Álvarez leva xa unhas cantas edicións ás costas, pero si o primeiro que o fará cun dobre obxectivo: o reto persoal de logralo e ao mesmo tempo promocionar a súa comarca, Valdeorras. “A miña idea é demostrar que unha persoa normal en circunstancias complicadas, pode facelo”, di Pablo apenas unha semana antes de comezar o periplo polo deserto.

 

Pablo no encoro de San Martiño.

A idea de formar parte desta experiencia naceu hai uns anos “vendo un vídeo de Valentí Sanjuan”, di Pablo, explicando que comezou a andar en bicicleta nunha época mala. “Pasei unha mala racha, tiven unha forte depresión e o ciclismo foi a miña vía de escape. O cambio foi espectacular, polo que tamén é unha forma de animar á xente a que se marque un obxectivo. Despois de ver o vídeo (aínda se me poñen os pelos de punta) pensei ¿por que non vou ir eu? Foi un obxectivo que me marquei hai 3-4 anos e que aínda non pechara. Saín da mala racha, de feito estou moito mellor que antes, pero quedábame o reto pendente”. Xa o ano pasado o intentara pero lesionouse e non pudo. Lonxe de desistir seguiuse preparando e desta a cousa foi para adiante, aínda que o reto aínda era maior porque tivo que compaxinar os duros destramentos con dous traballos e a súa familia (ten un cativo de 8 anos) polo que se viu obrigado a cambiar o enfoque do proxecto.

Ao principio a súa preparación foi total, metódica e a ritmo de competición chegando a sesións de seis horas, pero o problema foi compatibilizalo cos traballos. “Tiven que baixar o ritmo sen perder a base, elixir entre o ximnasio e a bicicleta (loxicamente elixín a segunda) e aí foi onde tiven que asumir que non iría a competir. A idea é documentar a miña experiencia na Titan para amosalo a toda a comarca e á xente que me segue a través de Internet, que é moita. A xente estame escribindo moito para dicirme que pase polos seus pobos, que hai cousas moi bonitas e iso é o que teño pensado facer máis adiante, adestrar por diferentes lugares e que a xente me conte experiencias e amosar os recunchos da zona, facer comarca e dala a coñecer porque se vai ben todos iremos ben”, asegura convencido.

 

Amosando algúns dos patrocinadores.

 

Promocionar Valdeorras que tanto o apoiou é o principal obxectivo para Pablo que conseguíu inscribirse na proba grazas á colaboración da xente. “Vou en nome do equipo Tres Lunas que tamén representa á comarca, pero ao principio foi un proxecto persoal e ata vendín lotería. Foi grazas á xente que se portou moi ben, por iso quero darlle ás grazas”, aínda que recoñece que xa van máis de 4.000 euros de presuposto e en principio non pensa volver polo que este ano espera poder pechar o ciclo que comezou cun vídeo e que foi a máis ata chegar á Titan Desert máis dura.

Xa hai días que enviou a súa bicicleta e o vindeiro 27 de abril collerá o autobus que o levará a Madrid e de alí ata Marrocos para comezar, o 29 pola mañá, a primeira etapa de montaña polo Atlas, a máis dura. “Non teño medo a que non a vaia acabar, porque din que é o 80% da cabeza e un 20% do físico e creo que podo facelo (hai que ser moi constante e incluso cabezón), pero si a factores externos que me poidan limitar”. E non é para menos xa que as condicións serán extremas. Aínda así, esperamos velo de regreso no mes de maio, coa  “pedra” na man que demostre que rematou a Titan Desert by Garmin 2018.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button