OurenseÚltima hora

O “Verán Cultural” de Ourense trae un total de dez concertos cada xoves

Os concertos comezarán a partir das 22:30 horas e serán na Praza de San Martiño, na escalinata da catedral
Luz Fernández, Jacobo Sutil, Belén Iglesias e Jesús Vázquez. // Foto: Carlos Asensio.

Este verán a cidade encherase de música e artes cada xoves pola noite xa que, a partires do xoves, 13 de xullo, arranca o “Verán Cultural” de Ourense. Unha programación “que atende a todos os gustos”, dixo hoxe, 10 de xullo, en rolda de prensa a Concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias. A edil asegurou que, dende a súa área, “buscamos unha cidade dinámica” e por iso “traeremos aínda máis sorpresas neste mes de xullo”.

Así, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, fixo un repaso pola programación para estes meses de verán: “Todos os concertos faranse na praza de San Martiño ás 22:30 horas”, lembrou. Este xoves, 13 de xullo, os encargados de abrir este “Verán Cultural” son Píscore, que traen “Concerto singular”, unha oferta de teatro infantil.

Seguidamente, o 20 de xullo, será a quenda de Silvia Penide e, para o 27, Xardín Desordenado subirá ao escenario.

En agosto está previsto que veñan Lulavai, Uxía e Sergio Tannus, Habitación Vudú, Cupadeskay e Pimentel trío, os días 3, 10, 17, 24 e 31 de agosto respectivamente.

Finalmente, en setembro, o día 7 estará Áureas e o 14 Abelardo y los farfanes.

E tamén para este evento colaborou a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). O seu presidente, Jacobo Sutil, tamén acudiu á presentación de hoxe, e declarou que Ourense ten “nove das dez funcións que vai haber no programa de Cultura no Camiño”, referíndose a estes concertos de verán. Sutil tamén asegurou que “colaboramos neste evento e seguiremos colaborando con todo o que faga o Concello de Ourense”. No acto tamén estivo presente a xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta, Luz Fernández.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button