ConcellosÚltima horaViana do Bolo

O vianés Jesús García publica “Cuaderno de Viana”, un amplo libro de relatos relacionados coa súa comarca

O volume, que conta co patrocinio da Deputación de Ourense e do Concello de Viana, presentarase o 12 de agosto ás 20h. na Casa da Cultura vianesa

O vianés Jesús García./ Cedida.

 

De cativo o vianés Jesús García Martínez “Jesu” comezaba a escribir unha serie de relatos de carácter cultural e histórico. Tras varias décadas parado, retomaba este proxecto no 2022, 61 anos, despois, saldando así un “compromiso persoal coas miñas orixes, recuperando un espazo e un tempo moi añorados na miña terra natal”. Agora ese volume, que reúne un total de 75 historias e lendas de diferentes etapas históricas da zona de Viana do Bolo e concellos próximos, vén de publicarse, contando co patrocinio da Deputación de Ourense e do Concello de Viana, co título de “Cuaderno de Viana”.

“Tras 60 anos de parón e esquecemento, retomei aquel proxecto. O seu título lembra o contido dun caderno no que comezou a anotar historias e lendas de Viana e as súas aldeas, que, aínda que se perdeu, conseguín lembrar para esta publicación. O libro é un traballo contundente e conta con 570 páxinas en cor e en branco e negro, 832 fotografías e ilustracións, 75 capítulos de diverso contido histórico, cultural, de personaxes e sucesos do século XIX e XX da comarca e con 546.436 caracteres e signos ortográficos. Contou cun equipo de 72 informantes vianeses que me facilitaron información e fotografías, moitas delas inéditas, que se expoñen por primeira vez”, explica Jesu, afincado en León, que ademais de ser un afeccionado á escritura tamén o é á música, formando parte de varios conxuntos musicais das décadas 60, 70 e 80, foi compañeiro de Los Iris, xunto aos barquenses Manuel e Antonio Fernández Cruz e Mauricio Carretero García en 1972.

 

Portada do libro.

 

Entre os colaboradores cos que contaba Jesús García para levar adiante este libro está Juan Antonio Pinza. “Colabora activamente en polo menos catro capítulos do libro coas súas precisións e, por outra banda, dediqueille un artigo falando da súa vida e da súa traxectoria como investigador e etnógrafo”, sinala o autor de “Cuaderno de Viana”.

Este libro presentarase o vindeiro 12 de agosto ás 20h. na Casa da Cultura de Viana do Bolo. Deste xeito, Jesús García volve reencontrarse coa súa vila natal coa que, malia vivir en León, mantén un forte vínculo.

Artigos relacionados

Back to top button