En portadaÚltima hora

O vianés Paulo J. García representará a España na Olimpíada Iberoamericana de Bioloxía en Perú

Este estudante de 2º de Bacharelato do IES Carlos Casares de Viana do Bolo obtiña a medalla de prata na fase nacional

 

O vianés Paulo J. García.

 

Paulo Joaquín García Eléxpuru, estudante de 2º de Bacharelato do IES Carlos Casares de Viana do Bolo representará a España na Olimpíada Iberoamericana de Bioloxía, que terá lugar en Lima (Perú) na primeira semana do vindeiro mes de setembro, ao obter medalla de prata na Olimpíada Española de Bioloxía (OEB), que vén de celebrarse na Universidade de Oviedo.

Natural de Viana, Paulo cursou os estudos de Educación Infantil e Primaria no CEIP Bibei, continuando a ESO e Bacharelato no IES Carlos Casares e profesores dos dou centros destacan a “brillantez intelectual do alumno, sempre unido a uns sólidos valores humano”. O seu desexo é continuar estudos universitarios e formarse como médico, pensando en adicarse á medicina de emerxencias.

 

Participantes na Olimpíada Nacional de Bioloxía, en Oviedo.

 

A Olimpíada Española de Bioloxía, en Galicia, está organizada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, coa colaboración das tres universidades galegas e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. A nivel nacional conta coa financiación do Ministerio de Educación e Formación Profesional. As probas desta fase consistiron nun exame teórico de 150 preguntas de todas as especialidades da Bioloxía e prácticas de laboratorio sobre “identificación de especies de augas contaminadas, diferenciación mediante técnicas de xenética molecular de especies de peixes mariños, identificación de mucosa bucal humana normal e patolóxica, identificación de especies obtidas de trampas para velutinas e identificación morfolóxica e bioquímica de bacterias de mostras de auga”.

 

Recollendo o diploma no Reitorado da Universidade de Oviedo.

 

Aínda que as esixencias académicas foron moi altas durante a estancia en Oviedo (do 31 de marzo ao domingo 3 de abril), tamén houbo tempo para desfrutar da experiencia, como coñecer o proceso de fabricación da sidra, ver á Regenta fronte a Catedral de Oviedo, visitar unha central hidroeléctrica, ou, en Gijón, o Xardón Botánico ou a Universidad Laboral. Non podía faltar poder ver osos de cerca. Tamén tiveron a sorte de compartir uns minutos co medallista olímpico Saúl Craviotto, que veu a desexardes sorte e compartir os valores do olimpismo co grupo, ademais de asistir a unha cea de confraternidade.

 

Olímpicos galegos: Vicente, Paulo e Denis.

 

A delegación galega estivo conformada por Paulo García e a profesora Montse Ulloa do IES Carlos Casares de Viana, o alumno Denís Iglesias e a profesora Natalia Fernández do IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín, o alumno Vicente Bermúdez de Castro do IES Eusebio da Guarda de A Coruña, e os delegados da Olimpíada Española en Galicia, Pablo Fernandes e Luís Fernández. A final foi clausurada polo conselleiro de Ciencia, Innovación e Universidad do Goberno do Principado de Asturias, Borja Sánchez García. 

Nesta XVII Olimpíada Española de Bioloxía presentáronse inicialmente 2.131 estudantes de 579 centros educativos públicos e privados das 17 comunidades autónomas e das cidades de Ceuta e Melilla. Na fase autonómica galega, que tivo lugar en marzo na Universidade da Coruña, Paulo obtivo o primeiro dos tres postos que acudiron a Asturias. Á fase nacional, en total, acudiron 59 alumnos e alumnas.

 

Paulo García en Oviedo.

 

Ademais do 500 Euros de recoñecemento que lle entrega o Ministerio de Educación e Formación Profesional, Paulo recibirá un adestramento especial para a seguinte fase. Durante o verán terá unha estancia de investigación nun centro do CSIC (Consejo Superior de Investigacións Científicas), e unha semana de preparación na Universidad Autónoma de Madrid.

Artigos relacionados

Back to top button