En portadaÚltima hora

O vianés Pedro Basalo desvela a historia e a evolución do Boteiro no século XX

Participaba como relator nas “VII Xornadas sobre o Entroido de Galiza”, en Pontevedra. Ademais falaba da danza das Mázcaras de Manzaneda nun congreso en Segovia

Botando man de documentos antigos, pero tamén de testemuños orais, fotografías e outro tipo de materiais; o investigador Pedro Basalo afondaba na figura do Boteiro de Viana do Bolo e na súa evolución durante o século XX. Facíao durante unha conferencia celebrada o 15 de marzo en Pontevedra no marco das “VII Xornadas sobre o Entroido de Galiza”, promovidas pola Sociedade Antropolóxica Galega.

“Curiosamente, nos documentos antigos non aparece o termo boteiro; o único personaxe algo semellante do que se fala é o zamarreiro. Unha figura que vestía roupas vellas e acompañaba ó fulión. Polo que contan algunhas testemuñas, lémbranse del nas aldeas de Fornelos de Cova e Covelo, nas que estivo presente ata aproximadamente os anos 60”, aseguraba este investigador vianés. De aí que se incline por pensar que na zona norte do concello de Viana “só había zamarreiros, de modo que os boteiros tiñan que vir doutras áreas”. Comentaba tamén que as outras dúas grandes áreas do “Entrudio vianés abranguen a parte oeste do concello e a parte leste e a súa fronteira é o río Camba, que atravesa o termo municipal de sur a norte (este río conflúe co Bibei á altura da vila de Viana)”.

Por outra banda, “ao oeste do río Camba, atopamos a boteiros que acompañan os fulións. Nesta zona hai tres tipos: os boteiros antigos de Quintela do Pando e Fradelo; os de Fornelos de Filloás, cuxo traxe e comportamento son moi semellantes ós do concello de Vilariño de Conso; e os boteiros de Vilarmeao, cuxa morfoloxía e funcións son idénticas que as mázcaras de Manzaneda”, cometaba Basalo, quen ademais se destiña na figura do antigo boteiro de Quintela e Fradelo, dando unha explicación pormenorizada sobre el “por ser o único pertinente para explicar a chegada do boteiro a Viana”.

Atendendo a parte leste do río Camba, proseguía o investigador “a palabra boteiro non se recoñece como auctóctona, do mesmo xeito que tampouco hai fulións. O que había aquí era un personaxe que saía coas comparsas e que recibía multitude de nomes en función da aldea: esquilas, vellos de esquilas, homes de esquilas, esquileiros, faroleiros ou faraleiros, etc. O traxe é o mesmo que o do boteiro actual de Viana”.

A partir da década dos 80 “coa institucionalización do Entrudio e coa posta en marcha de desfiles” os de esquilas comezaron a saír co fulión de Viana. Por iso para Basalo o Boteiro vianés deriva “dunha mestura de diferentes tradicións: cóllese o nome e o concepto (acompañar ós fulións e abrirlles paso) da zona oeste, mentres que o traxe vén dos que saían de esquilas nas comparsas. Ademais, logo de que se creara este novo personaxe en Viana, as aldeas que comezaron a recuperar os seus fulións e a baixar ó desfile do Domingo Gordo, deron en imitar a este personaxe e incorporalo tamén ó seu propio fulión”. Por estas razóns, concluía, o concello de Viana posúe hoxe tres tipos de boteiros: “o de Viana, que homoxeneizou o personaxe e expandiuno a áreas onde non había ou onde o traxe era diferente; e os das aldeas que conservaron o seu propio boteiro, é dicir, o de Fornelos de Filloás e o de Vilarmeao”.

Conferencia sobre a danza das Mázcaras de Manzaneda en Segovia

Dous días despois da súa intervención en Pontevedra, Basalo trasladábase a Segovia onde participaba no I Congreso de Patrimonio Cultural Inmaterial Manuel González Herrero “Tradiciones e Identidad”. Nel impartía unha conferencia sobre a danza das Mázcaras de Manzaneda.

Fotos: as dúas primeiras da galería son de Carlos Ares e a terceira de Víctor Rodríguez.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close