O videoclip “Este vaise” promove a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

O proxecto audiovisual do grupo neo-folk Mílson’s foi presentado no Castelo de Castro Caldelas

O Castelo de Castro Caldelas acollía no mediodía do 13 de marzo un acto moi especial: a presentación do videoclip “Este Vaise”, do grupo Mílson´s, que promove a candidatura da Ribeira Sacra a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO ao tempo que exalta con imaxes unha das tradicións máis antigas de España como é a Festa dos Fachós.

A promoción desta festa que data do ano 1753 foi a orixe da gravación do videoclip. “Posto que recentemente nos nomearon un dos pobos máis bonitos de España e esperamos que en breve teñamos tamén a declaración de interese turístico, decidimos facer algo específico para promocionar a Festa dos Fachós pero en seguida Bruxo Queiman e Andrea Pousa nos fixeron ver que isto podería ir moito máis alá, ser algo grande, tan grande que podería axudar a esa declaración de Patrimonio da Humanidade para toda a Ribeira Sacra”. Con estas palabras, comezaba a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, a súa intervención no acto que contou entre outros, coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, do secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, do presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e alcalde de Sober, Luis F. Guitián, do actor Rubén Riós e dos músicos de Mílson’s. A alcaldesa deu as grazas, un por un, a todos os que colaboraron no proxecto que non entende de cores políticas nin de partidos. De feito, o propio presidente da Deputación asegurou que “aquí o único partido que hai é o da Ribeira Sacra”.

Malia estar baseado nesta fermosa paraxe, a obra videográfico e musical céntrase de forma especial en Castro Caldelas xaque foi durante a Festa dos Fachós cando se rodou gran parte do seu contido, tratando ademais o tema da emigración. Esta produción audiovisual, que ten como obxectivo poñer en valor e dinamizar esta zona, mostra a beleza natural e paisaxística da Ribeira Sacra, recoñecendo ademais o labor dos adegueiros da zona que construíron o mundo da xa famosa “Viticultura Heroica”.

No vídeo participan, ademais dos músicos do grupo neo-folk Mílson´s, a cantante Andrea Pousa, o actor Rubén Riós, veciños de Castro Caldelas (Esperanza de Quintela de Mazaira, Manolo O’Clarete e Lorena Dasilva), O Folión de Castro Caldelas e o grupo de gaitas Os Trabazos de Caldelas. Está producido pola compañía de espectáculos Queiman e Pousa, e conta coa colaboración da Deputación de Ourense, da Xunta de Galicia, do Concello de Castro Caldelas, do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies