CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O vindeiro curso escolar arrincará o 9 de setembro para as etapas de Infantil e Primaria

As probas finais extraordinarias para os alumnos de Secundaria, 1º de Bacharelato e 1º de FP Básica realizaranse a finais de xuño, cun axuste nas datas definitivas tal e como solicitaban as anpas e un período de reforzo para o alumnado que o precise

 

 

9 de setembro. É a data para o arranque do vindeiro curso 2021-2022 co inicio das clases para o alumnado das etapas de 2º ciclo de Educación Infantil, de Educación Primaria e de Educación Especial. Os alumnos de Educación Secundaria Obligatoria, de Bacharelato e de Formación Profesional incorporaranse ás aulas unha semana despois, o día 15 de setembro. Para todos eles as clases rematarán o día 22 de xuño de 2022.

No que atinxe ás ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas realizaranse entre os días 15 de setembro de 2021 e 30 de xuño de 2022, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas.

No caso do alumnado de Educación Infantil que se incorpora por primeira vez a un centro educativo, mantense o sistema de funcionamento de cursos anteriores, cun período de adaptación que non se alongará máis aló do 21 de setembro deste ano.

Canto aos períodos vacacionais queda establecido o Nadal (desde o 22 de decembro de 2021 ata o 7 de xaneiro de 2022, ambos inclusive), o Entroido (os días 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo de 2022) e Semana Santa (desde o 11 ata o 18 de abril ambos inclusive). Tampouco serán días lectivos os declarados festas de ámbito estatal e os festivos oficiais da Comunidade Autónoma, así como o Día do Ensino, que se celebrará o 11 de outubro de 2021, polo que será non lectivo a efectos académicos.

Probas extraordinarias en xuño

As probas finais da convocatoria extraordinaria para a ESO, o Bacharelato (en 2º de Bacharelato xa se fai en xuño) e o primeiro curso de Formación Profesional Básica realizaranse entre o 20 e o 22 de xuño de 2022. Aténdese así unha demanda da comunidade educativa avalada pola Xunta Autonómica de Directores e pola Mesa Sectorial Docente.

Ademais, o período comprendido entre o 6 e o 22 de xuño de 2022 adicarase á preparación e realización das probas extraordinarias así como a actividades de apoio, reforzo recuperación, ampliación e titorización para estes alumnos.

 

Artigos relacionados

Back to top button