EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O viñedo experimental da D.O. Monterrei podería converterse nun centro vitivinícola

A xerente do Inorde, acompañada pola presidenta da denominación, percorría esta finca en Monterrei, destinada á investigación

Un dos momentos da visita./ Foto cedida.

 

A presidenta do C. R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva, e a xerente do Inorde, Emma González, veñen de realizar unha vista á finca de experimentación e investigación (viñedo) que a Deputación de Ourense ten no municipio de Monterrei e na que traballa o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde. Durante a mesma, coñeceron in situ as actuacións que se están desenvolvendo na actualidade neste viñedo experimental, situado nunha contorna privilexiada como é aos pés do Castelo de Monterrei.

Neste percorrido, a presidenta do C. R.D.O. Monterrei propúxolle á xerente do Inorde a reconversión deste espazo nun centro vitivinícola e o deseño dun proxecto “respectuoso coa contorna e o medio ambiente, que sexa un referente enoturístico, educativo e, como non, que sirva de apoio ao propio Consello Regulador”, dixo Lara Da Silva.

Pola súa banda, a xerente do Inorde indicou que este proxecto podería ser “estratéxico” porque aborda “os criterios que Europa está a marcarnos como pode ser a sustentabilidade” e que ademais, completa “perfectamente esa aposta que está a facer o Inorde de promover a circularidad, xa que comezaría no cultivo da vide e finalizaría na dinamización enoturística do destino”.

A base deste proxecto é ir moito máis alá, contemplando no mesmo a interacción coa Asociación Ruta do Viño Monterrei “no que se mostre o produto de forma integral, é dicir, desde a vide ata a copa, contando tamén con elementos divulgativos da tradición e historia vitivinícola en Monterrei”, indicaba Lara Da Silva, quen agradeceu á xerente do Inorde a súa atención e predisposición a colaborar na dinamización da comarca de Monterrei.

Artigos relacionados

Back to top button