ConcellosO Barco

O viñedo, unha alternativa para protexer do lume Vilariño (O Barco)

O Concello está a promover un proxecto para converter esta localidade en aldea modelo

O alcalde do Barco explicando o proxecto da aldea modelo de Vilariño./ Foto cedida.

 

Poñer en produción a través do viñedo terreos abandoados arredor de Vilariño (O Barco) e garantir, dese xeito, que en caso de haber un lume forestal este non chegue ás casas desta localidade. Con este obxectivo o Concello do Barco vén de solicitarlle á Consellería do Medio Rural e a Agader que se poña en marcha o proceso para facer de Vilariño unha aldea modelo. Así o anunciaba esta mañá de 2 de setembro o alcalde barquense, Alfredo García, xunto ao concelleiro do Medio Rural, Jesús Jares.

Este paso dase tras moitos meses de traballo e numerosas reunións cos veciños e propietarios dos terreos, a última delas o pasado venres 28 de agosto, así como o envío de cartas informativas aos mesmos.

“O resultado da xuntaza e do traballo realizado ata agora foi altamente satisfactorio. Das 630 parcelas nas que se prevé actuar, hai xa 272 cuxos propietarios están dacordo co proxecto e queren que siga adiante o procedemento”, indicaba o rexedor barquense.

 

O concelleiro do Medio Rural, Jesús Jares, xunto ao alcalde, Alfredo García, na presentación do proxecto./ Foto cedida.

 

Estes terreos, unhas 18 hectáreas, poríanse en aluguer para realizar unha plantación  de viñedo. “A intención nun principio é facer dúas parcelas. Dese xeito ponse en produción o terreo, evítase que o lume, en caso de incendio, chegue as casas, e ademais estamos falando da creación de postos de traballo”, engadía Alfredo García.

Por agora, este proxecto de aldea modelo en Vilariño entra na súa primeira fase, pero o Concello do Barco non se quere quedar aí. “Pretendemos poñer en marcha iniciativas deste tipo noutras aldeas do municipio, estamos buscando alternativas, xa que non ten ser por que ser viñedo. Por exemplo, pensamos en Millarouso, en Santigoso, Santa Mariña… porque raro é o ano que aí non pasamos algún apuro polo lume. Imos buscar a convivencia dos veciños con este sistema, incluso intentando que sexa veciños do lugar os que poñan unha explotación”.

Artigos relacionados

Back to top button
Close