EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O viño tradicional e os novos produtos

Sober acollerá o 17 de marzo unha xornada organizada pola EVEGA e incluída nos actos do “Mes do Amandi”
Cartaz da xornada que se desenvolverá en Sober.
Cartaz da xornada que se desenvolverá en Sober.

Novos consumidores, novas demandas e novas formas de elaboración. O mundo do viño tal e como se coñecía ata agora está a mudar e aparecen novidosas propostas para dar resposta a esta situación. Neste contexto se enmarca a xornada “Alternativas ao viño tradicional. Novos produtos”, promovida pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), que se impartirá o vindeiro 17 de marzo no Centro Sociocultural de Sober (Lugo), no marco dos actos do “Mes do Amandi”.

“Os obxectivos son afondar no coñecemento doutros produtos con base na uva e outros procesos de elaboración, entre eles: os viños aromatizados, nos que o viño é o compoñente principal acompañado de substancias vexetais que os caracterizan; o viño sen alcohol con todas as compoñentes positivas desta bebida (polifenois, antocianos, sales minerais); o viño rosado, outra forma de elaborar as uvas tintas que algunha adega galega está a desenvolver; o viño azul, un viño onde se transforma a cor e o sabor”, explican dende a EVEGA.

O programa da xornada comezará ás 9h. coa ponencia “Os viños aromatizados: o vermú. A produción de vermú galego” da man de Cristina Codesido, xerente de Vermuteria de Galicia. A partir das 9:45h. Ramón Bondelle, responsable de desenvolvemento de produtos de Elivo Zero Zero, falará sobre os “Viños sen alcohol. A súa elaboración. O futuro” e xa ás once intervirá Julián Suberviola, xefe de sección de Fomento Vinícola (EVENA), coa ponencia “Os viños rosados. Evolución e perspectivas”. O derradeiro dos intervintes será Aritz López, elaborador de viño azul, quen abordará este tipo de elaboración dende a perspectiva dunha alternativa para os mozos. A xornada pecharase cunha mesa redonda con todos os relatores que será moderada por Alfonso Losada Quiroga.

O número de prazas para esta xornada é de cen. As persoas interesadas en asistir poderán inscribirse ata o día 15 de marzo a través da páxina web da Consellería do Medio Rural.

Artigos relacionados

Back to top button