EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O viño valdeorrés, un dos protagonistas do SilFest Valdeorras

Nesta terceira edición, prevista do 19 ao 21 de xullo no Barco, ademais de concertos de 15 artistas haberá catas de viños, diversas maridaxes e visitas a adegas
Un dos momentos da presentación do SilFest no Barco./ Foto: A.R.

No III SilFest Valdeorras, festival que se celebrará do 19 ao 21 de xullo ás beiras do río Sil no  Barco, o viño terá un protagonismo especial. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras será o patrocinador principal deste evento e isto tamén terá o seu reflexo no programa.

Así nesta edición, na que haberá que pagar para poder acceder ás diferentes actividades, incluíranse catas de viño con poesía, cata de vino con batalla de músicos, curso de maridaxe de queixos con viños de Valdeorras e visitas a algunhas adegas valdeorresas. No recinto do festival tamén se contará cunha zona de exposición e venda de viños. “Por agora temos confirmada a participación de 12 adegas”, sinalaba dende a organización Jorge Álvarez na presentación do SilFest, que tiña lugar na mañá do 15 de maio no Concello do Barco.

Ademais avanzaba os nomes dos quince grupos do cartel, con varias bandas referencia do pop, rock e indie español: Varry Brava, Dinero, Grises, Nunatak, The Parrots. Tampouco faltarán artistas valdeorreses como Magín Blanco, que presentará o seu novo traballo “Camiños”, ou Presumido, entre outros. Ademais haberá unha sección especial pensada para os máis pequenos, o Mini Silfest.

Durante a presentación Álvarez estaba acompañado polo presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García Pando, e polo alcalde do Barco, Alfredo García, e pola concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta. García Pando destacaba a aportación que terá nesta edición o viño. “O viño é cultura é engarza moi ben coas actividades do festival. Esta é unha maneira tamén de achegarnos á xente nova, sempre cun consumo responsable”. Incidía asemade na importancia de que, a parte de catas e maridaxes, haxa tamén visitas ás adegas “para que a xente poida coñecer de primeira man como se elabora o viño, este achegamento tamén permitirá unha fidelización de clientes”. E resaltaba o feito de que o SilFest engada nesta edición ao seu nome o de Valdeorras.

A concelleira de Cultura animaba á “participicación nesta festa tan importante do verán”, mentres que o alcalde insistía na importancia de que nesta edición o SilFest sexa SilFest Valdeorras. “Temos que ser quen de potenciar a comarca de Valdeorras e o seu nome. Valdeorras ten moito que ofrecer e necesita un gran evento musical e o SilFest pode converterse nese referente”.

Máis información:
http://www.silfestvaldeorras.com/
 

 

Artigos relacionados

Back to top button