CulturaCulturaOpiniónÚltima hora

O virus roubounos o Boi e a fortuna contrapesou

Artigo de opinión sobre a Festa do Boi de Allariz (que promove a Asociación Xan de Arzúa e o Concello) dos historiadores Antonio Blanco e Juan Seara

Foto: Antigo Arciprestazgo de Allariz. Catalogación dos Libros Parroquiais depositados no Arquivo HIstórico Diocesano de Ourense.

 

Deberiamos estar celebrando a estas alturas a 703 edición da Festa do Boi de Allariz, mais nesta ocasión non pasará de ser un espellismo.

En 1983 recuperouse unha tradición que finara a finais dos 50 ou comezos dos 60 por desleixo e malos tempos para a lírica. Tratábase daquela de retomar o máis epidérmico: o Boi corre de novo polas rúas e milleiros de persoas da veciñanza e tamén foráneas liberan a súa ansiedade por vieiros entre emotivos e difusos.

Encol, a grande pregunta ven a ser: e por que corre un boi polas rúas de Allariz?. No 1995 ándase un chanzo máis: retómase a procesión profana, berce da festa do Boi, muda e a pequena escala. Supoñía daquela un punto de inflexión: camiñamos cara un macrobotellón pantagruélico ou enmarcamos a Festa nun contexto histórico que, sen minguar a arroutada interclasista e interxeracional, afonde nas orixes e actualización dun documento histórico de primeira magnitude?

Afortunadamente, literalmente grazas a Fortuna, optouse por esta vía alternativa, podería ter sido doutro xeito: a procesión profana converteuse no cerne da Festa, co tempo deixou de ser muda, dotouse de texto e elementos novidosos con respecto a tradición, o número de gremios foi medrando significativamente así como as actividades de investigación e divulgación en tódolos contextos, comezando polos máis cativos… Moita xente implicada, moita ilusión e moito futuro.

Neste intre o Boi adormece no corazón das alaricanas e alaricanos, mais de seguro que volatará e con folgos renovados.

Como diciamos, o virus matou a 703 edición, mais a Fortuna está a remediar minimamente a desfeita.

A remuda de párroco, D. Xosé por Manolo Rodicio, deu pé a que se abrisen fiestras e entrara luz nos vellos arquivos parroquiais. Antes de seren enviados os vellos libros ao arquivo diocesano, puidemos facer copia e unha primeira análise dos mesmos.

No que atinxe ao Boi, o libro da Igrexa de S. Pedro resulta especialmente interesante e alimenta a necesidade nutricional da Festa. Transcrito e estudado con detalle, aportará información relevante sobre a Confraría do Corpus, a súa organización, o seu asentamento, os seus bens e propiedades, a celebración da Festa e outros moitos datos colaterais.

A Festa precisa nutrientes para sobrevivir e consolidarse. Na medida en que sexamos quen de proporcionarllo, investigando, divulgando e achegando ao conxunto da veciñanza, o seu futuro ficará garantido. O traballo feito será patrimonio de todas e todos.

Ánimo nestes tempos escuros e longa vida ao Boi.

¡Arriba o Boi!

Texto: Antonio Blanco e Juan Seara. Historiadores.

Artigos relacionados

Back to top button