EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O vistoso desfile da Confraría do Viño de Quiroga, antesala desta mostra vitivinícola

Publicidade
Desfile da confraría nun ano anterior./ Cedida.

 

A Confraría do Viño de Quiroga participará un ano máis nos actos da Feira do Viño co seu tradicional desfile. O sábado día 9 de abril, coincidindo coa reunión anual da confraría, celebrarase este desfile como antesala da XL Feira do Viño de Quiroga. A unha e media do mediodía os confrades, ataviados co seu traxe de gala (capa de cor burdeos e sombreiro negro), recorrerán a travesía principal da vila quiroguesa, dende a Casa Consistorial ata o Museo Etnográfico de Quiroga.

Este solemne acto, -que preside o Confrade Maior, o alcalde quirogués Julio Álvarez, e o presidente da Confraría, J. Manuel Rodríguez-, forma parte dos prolegómenos da Feira do Viño de Quiroga dende o ano 2012, ano no que se fundou esta congregación, que conta dende entón con 23 membros. O número de membros é invariable, soamente se renovan cando queda algunha vacante, como ocorreu no ano 2019 cando entrou a formar parte desta institución a primeira muller confrade.

O que este ano non realizará esta irmandade será a cata dos viños participantes na feira como era un dos seus cometidos. Na cata dos viños os confrades encargábanse de detectar calquera problema de cor, sabor ou olor que puidesen presentar as mostras dos viños artesanais que estaban inscritos para a feira, que previamente xa pasaran análises nun laboratorio. O presidente da Confraría, José Manuel Rodríguez, non considera que sexa necesario, “posto que as adegas que participarán son todas adegas industriais”.

Como remate do desfile, xa a porta pechada, os membros do gremio realizarán unha xunta xeral anual na que que se dará conta dos informes do presidente e do estado de contas da confraría.

Artigos relacionados

Back to top button