ConcellosÚltima hora

O X Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas terá lugar en Manzaneda e A Pobra de Trives

Este evento desenvolverase nos vindeiros días 27 e 28 de xullo

A décima edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas terá lugar nos municipios de Manzaneda e A Pobra de Trives os vindeiros días 27 e 28 de xullo. Así, a presentación deste evento tivo lugar hoxe, 18 de xullo, no centro cultural “Marcos Valcárcel” de Ourense. Neste acto participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo; os alcaldes de Manzaneda e Pobra de Trives, Amable Fernández e Patricia Domínguez; e o director de Oca Manzaneda, Gustavo Samartín.

 

Durante a presentación.

 

O programa desta décima edición comezará na Pobra de Trives o sábado, 27 de xullo, ás 12.30 horas, coa mostra de Bandas de Gaitas, onde actuarán Toxos e Xestas de Barcelona, “Os trinta de Trives” e a Real Xuvenil. Ás 18.00 horas, a Igrexa de Manzaneda, acollerá o II Serán da Seitura, en memoria de Ludivina Pérez Ricoi, no que se presentará o “Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives”. Ás 20.00 horas, na praza do Concello da Pobra de Trives, terá lugar un concerto a cargo da agrupación “Os trinta de Trives” e, o peche da xornada realizarase na Estación de Montaña, a partir das 22.30 horas, coa Noite Celta, onde actuarán Toxos e Xestas de Barcelona, o plantel de xuíces do Certame, a Real Xuvenil, e as Cantareiras da Real Banda.

Ao día seguinte, o domingo, 28 de xullo, a programación dará comezo, no municipio da Pobra de Trives, ás 10.00 horas coa Alborada a cargo da agrupación “Os trinta de Trives”. Posteriormente, o Campo de Competicións da Cabeza Grande de Manzaneda acollerá ás 10.50 horas a competición das Bandas de Gaitas das categorías dos graos 4º e 3º e, ás 12.00 horas, terá lugar a exhibición do Folión “Os labregos de Trives”. Ás 12.15 horas celebrarase o concurso de Bastóns de Mando e o Concurso de Gaiteiros Solistas. Posteriormente, a partir das 13.00 horas continuará a competición das Bandas de Gaitas dos graos 2º e 1º, e ás 13.30 horas terá lugar a ofrenda floral ante o monumento a D. Gabino García, en memoria de quen se celebra esta décima edición do Certame, acompañada pola Banda Toxos e Xestas de Barcelona. A continuación, será a entrega de premios, medallas e distincións que rematará cunha actuación conxunta de tódalas bandas participantes.

 

 

O vicepresidente do goberno de Ourense afirmou que é un evento cultural que actúa como “un lugar de encontro para gaiteiros de diferentes lugares de España”. Así, Xosé Lois Foxo explicou que este certame é “unha aposta pola recuperación do noso e a posta en valor da nosa mocidade”. Ademais, pola súa banda, o director de Oca Manzaneda afirmou que a estación sería o nexo entre os dous municipios. Por último, os alcaldes de Manzaneda e A Pobra de Trives manifestaron o seu compromiso co certame.

Artigos relacionados

Back to top button