EconomíaEconomíaÚltima hora

O xeodestino Manzaneda-Trevinca estará representado en Xantar 2021

A 22ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico celebrarase en Expourense do 3 ao 7 de novembro e estará centrado na promoción da “Gastronomía dos Caminos”

Presentación da 22ª edición de Xantar.

 

Co obxectivo de converterse no punto de reencontro, tras a pandemia, dos profesionais do turismo, a hostalería e a gastronomía se presenta Xantar 2021, a 22ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebrará en Expourense entre o 3 e o 7 de novembro centrada na “Gastronomía dos Camiños”.

Xantar 2021 era presentado na mañá deste mércores 27 de outubro nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; a concelleira de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, Flora Moure, e o director xerente de Expourense e director de Xantar, Rogelio Martínez.

Así, Expourense converterase durante a próxima semana no epicentro do turismo enogastronómico peninsular a reunindo 160 expositores e con 4 países representados (España, Portugal, Perú e Panamá). Contará ademais con 8 restaurantes e 2 aulas gastronómicas, 1 de catas comentadas e 1 área de degustación. Estes datos son inferiores aos doutras edicións e están derivados do feito de que o salón tivo que reinventarse para ofrecerlle aos visitantes unha experiencia segura. Isto trouxo consigo a planificación dunha feira con restaurantes máis amplos, aulas máis grandes e corredores máis anchos para garantir así a distancia de seguridade entre comensais ou asistentes ás actividades.

 

Rogelio Martínez, Flora Moure, Gabriel Alén e Rosendo Fernández.

 

A presenza en feira de tres deputacións provinciais de Galicia (Ourense, Lugo e A Coruña); a de varios xeodestinos (Ribeiro-Carballiño, Manzaneda-Trevinca, Terras de Celanova-Baixa Limia); grupos de desenvolvemento Local (GDR 12 Ribeiro-Carballiño, ADR Pontevedra Norte) ou mancomunidades turísticas (Municipios do Camiño Francés ou Barbanza Arousa) leva a que practicamente toda Galicia estea representada nesta edición.

No que respecta a as actividades, Xantar reunirá a recoñecidos chefs de 4 países (España, Portugal, Costa Rica e Perú) que impartirán talleres de cociña en directo enmarcados no XVI Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sostible que ofrecerá ao público máis de 100 experiencias entre showcookings, catas comentadas, presentacións e degustacións incluídas no “ XVI Encontro Internacional sobre Gastronomía Sostible e Saudable”. En total, impartiranse 60 talleres de cociña en directo, unha vintena de catas comentadas (viños, meles, conservas de peixe e marisco, queixos, augardentes e licores) e outra vintena de degustacións de produtos autóctonos que na maioría dos casos son protagonistas de festas gastronómicas.

O programa completo de Xantar 2021, pode consultarse na web www.xantar.org.

Artigos relacionados

Back to top button