EconomíaEconomíaÚltima hora

O Xeodestino Manzaneda-Trevinca-Valdeorras presentarase esta semana en Fitur

A presentación central da provincia será o vindeiro xoves 20 de xaneiro, ás 13:30 horas, na caseta de Galicia

Vista de Covas (Rubiá), no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Ourense Termal”, que permitirá a transformación competitiva dos quince municipios termais rurais da provincia, presentarase nesta semana da Feira Internacional de Turismo, Fitur, en Madrid. Este plan, aprobado o pasado 28 de xullo pola Conferencia Sectorial de Turismo, foi un dos 23 proxectos elixidos entre 301 candidaturas e será posible grazas a un convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Ourense, a Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia.

A presentación central da provincia será o vindeiro xoves 20 de xaneiro, ás 13:30 horas, na caseta de Galicia (pavillón 9). Nesta ocasión, a proxección turística de Ourense en Fitur conta coa vantaxe competitiva da recentemente inaugurada conexión coa Alta Velocidade Ferroviaria, que nos converte nun destino de proximidade para o mercado de Madrid. Tamén se acurtan os tempos con outras cidades AVE e co fluxo de viaxeiros internacionais a través do aeroporto da capital. Co obxecto de seguir promovendo esta conexión, o goberno provincial, a través do Inorde, promove unha acción máis da campaña “Ourense Colle Velocidade” mediante a presenza de publicidade nas estacións de tren de Chamartín e Atocha durante a semana da feira, datas nas que se desprazarán profesionais do sector turístico desde toda España.

 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar.

 

A provincia contará unha vez máis cun expositor atendido por un informador especializado no espazo institucional de Turismo de Galicia, desde o que se promoverán os recursos cabeceira da oferta de Ourense: natureza, patrimonio, enogastronomía, e termalismo como factor diferencial. Os catro son os piares da recentemente presentada marca turística “Ourense xenuína”.

Ademais desta presentación, o Inorde aproveitará este escaparate para presentar as novidades dos dous xeodestinos que xestiona este organismo. Así, ese mesmo xoves, 20 de xaneiro, ás 10:30 horas, presentarase “Terras que saben a estrelas” do xeodestino Manzaneda- Trevinca-Valdeorras, na que o “proxecto motor” será o Observatorio Astronómico do municipio da Veiga. E, o venres, 21 de xaneiro, ás 14.30 horas, será a quenda para o xeodestino Terras de Celanova-Serra do Xurés por Paco Nadal. Ambos os actos terán lugar tamén na caseta de Galicia.

Fitur 2022

A 42ª edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur) 2022 celebrarase do 19 ao 23 de xaneiro no recinto madrileño de Ifema, para defender a convivencia do sector coa pandemia. Durante o salón, daranse cita case 7.000 empresas para demostrar que o turismo debe recuperar o seu liderado como panca do desenvolvemento e a súa capacidade para convivir de maneira segura coa situación epidemiolóxica.

Os tres primeiros días do certame volven estar destinados a profesionais e a fin de semana ábrese a todo o público en xeral. Nesta 42ª edición reuniranse representantes de 107 países entre destinos e empresas.

Artigos relacionados

Back to top button