CulturaCulturaÚltima hora

O Xeoparque Mundial Montañas do Courel, exemplo de xestión do patrimonio paleontolóxico paleozoico

Vén de publicar un artigo científico internacional sobre a xestión do patrimonio asociado aos fósiles paleozoicos

Imaxe: Xeoparque Mundial Montañas do Courel.

 

Os fósiles paleozoicos son realmente escasos en Galicia, aínda que nas Montañas do Courel atópanse bos exemplos destes restos, cuxo valor foi reforzado polo Xeoparque mediante un novo traballo científico de carácter internacional. Trátase dun artigo científico publicado dentro nun volume especial sobre patrimonio paleontolóxico e xeoparques, na revista Geoconservation Research. O traballo mostra o exemplo da xestión desenvolvida polo Xeoparque Montañas do Courel (formado polo territorio dos concellos de Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga) e que foi ben acollida pola comunidade científica.

Este estudo publicado baséase “no inventario de xacementos paleozoicos realizado polo paleontólogo Benvido Dez da Universidade de Vigo e polo biólogo Manuel García Ávila, a partir de estudos previos e traballo de campo. Os fósiles correspóndense con fauna invertebrada que habitou os mares paleozoicos xa desaparecidos, como os trilobites (artrópodos extinguidos), os crinoideos (do grupo dos equinodermos, como os ourizos e estrelas de mar), e ortocéridos (moluscos cefalópodos de cuncha recta, extinguidos)”, tal e como se informa dende o xeoparque.

A información recollida sobre os xacementos paleontolóxicos paleozoicos foi incorporada á base de información científica do Xeoparque, e os fósiles achados foron depositados no Museo Xeolóxico de Quiroga, que constitúe un centro de referencia para a custodia e conservación do patrimonio paleontolóxico rexional.

Os fósiles máis relevantes están expostos ao gran público neste centro, con novos contidos divulgativos xa incluídos na súa recente ampliación, así como na Oficina de Turismo de Folgoso do Courel. Esta oficina desenvolveu un papel decisorio na xestión e recuperación de achados fortuítos de fósiles por parte de louseiros e outros traballadores locais, que posteriormente foron estudados polo paleontólogo Juan Carlos Gutiérrez Marco, da Universidade Complutense de Madrid, e pertencente tamén ao Comité Científico do Geoparque. Finalmente, elaboráronse modelos 3d de exemplares de trilobites, crinoideos e ortocéridos, que poden ser visualizados na web do Museo Xeolóxico de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button