ConcellosÚltima hora

O Xeoparque Mundial Montañas do Courel quere saber a data das distintas fases da evolución glaciar deste entorno

“Isto é crucial xa que lle outorgará ao xeoparque un gran valor engadido de evidente interese xeomorfolóxico e patrimonial”, din dende esta entidade

 

Recollida de mostras para a investigación./ Foto cedida.

Coñecer a evolución glaciar das montañas do Courel dunha forma detallada. É o obxectivo do contrato de investigación que vén de asinar o Xeoprarque Mundial da Unesco “Montañas do Courel” coa Universidade de Oviedo.

O pasado 25 de maio, durante a celebración da Semana dos Xeoparques Europeos, o equipo investigador, liderado por Jesús Ruíz Fernández (profesor do departamento de Xeografía da Universidade de Oviedo), xunto con outros membros da Universidade de Santiago e do Centre National de la Recherche Scientique de Francia, estiveron xa levando a cabo labores de campo para tomar mostras dos restos dos glaciares presentes nas Montañas do Courel para o seu posterior tratamento en laboratorio mediante o método dos isótopos cosmoxénicos, tal e como se informa dende o xeoparque.

Está previsto que os resultados do estudo definitivo, que se estima finalicen no vindeiro mes de novembro, se publiquen nalgunha das principais revistas científicas a nivel mundial.

“Coñecer as distintas fases da evolución glaciar é crucial”, indican dende o Xeoarque Montañas do Courel, xa que o dotará “de gran valor engadido de evidente interese xeomorfolóxico e patrimonial. Á súa vez, efectuarase un importante avance no coñecemento do glaciarismo desenvolvido en Galicia, a Península Ibérica e, por extensión, nas montañas do sur de Europa”.

Tamén lembran dende o xeoparque que ata este momento tense desenvolvido xa un “importantísimo traballo de identificación dos diferentes glaciares existentes, así como das moforloxías erosivas (circos, rochas aborregadas, umbrais, cuberta de sobreescavación, estrías, acanaladuras) e sedimentarias que se conservan”. Algo que se ten plasmado na obra “Xeomorfoloxía das Montañas do Courel”, o profesor Pérez Alberti e editado polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel.

Agora séguese avanzando para “comprender a evolución glaciar de forma detallada e este fenómeno natural en toda a súa entidade, e tamén para poder dispoñer de datos técnicos propios obtidos en base á análises dos restos glaciares das Montañas do Courel”.

Artigos relacionados

Back to top button