CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O XI concurso fotográfico Manuel Blanco Pascual xira en torno ao “Patrimonio natural de Valdeorras”

O prazo para presentar as imaxes estará aberto ata o 30 de outubro

Despois de dez anos co patrimonio cultural de Valdeorras como tema central, este ano o concurso fotográfico Manuel Blanco Pascual dá un xiro e céntrase no patrimonio natural da comarca.

Así o adiantaba o presidente do IEV, promotor do certame, Aurelio Blanco Trincado na presentación do certame celebrada na tarde do 5 de outubro no cenador da Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras, rodeados de árbores centenarias, “un dos espazos que paga a pena conservar, xunto coas palmeiras e demáis árbores que, como as da Praza Otero Pedrayo, foron plantadas no ano 1907 polos alumnos do profesor Eloy Mira, o Día da Árbore”. Nese espazo, acompañado por dous membros da directiva do Instituto, Miguel Ángel Estévez e José Antonio Blanco, Aurelio xustificou o cambio de tema asegurando que “xa comezaban a repetirse os motivos das imaxes sobre patrimonio cultural e ademais a sociedade valdeorresa atópase moi sensibilizada por determinadas talas de árbores”, dixo, adiantando que esperan que “as fotografías que se presenten ao concurso sirvan de base para a elaboración dun catálogo que solicitar á Xunta de Galicia a catalogación dalgúns exemplares que, pola sua antigüidade e beleza merezan ser incluídos no listado de árbores senlleiras”.

No que se refire ao concurso, os interesados en participar poderán presentar un máximo de 3 fotografías en branco de negro ou cor (tamaño mínimo de 20×25 cm e máximo de 40×50 cm sen soporte), ata o 30 de outubro. Con respecto aos premios baixan algo nesta edición xa que destinarán 300 euros á adquisición e plantación de árbores por parte dos concursantes e nenos dos centros escolares. “Ademais, eu persoalmente donarei 10+1 acibros (os anos que teñen as miñas netas) para plantar”, asegurou Aurelio.

A entrega de premios (200 euros e placa para o 1º premio; 150 euros e placa para o segundo; e 100 euros e placa para o terceiro, ademais de diploma personalizado para todos os participantes) farase xunto á exposición das obras, xa no mes de novembro no Casino do Barco.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button