OurenseÚltima hora

O XIV Festival Internacional Rebulir mergullará a Ourense na cultura de raíz

Os Premios 2019 serán para Rosa Cedrón, Antonio Durán “Morris” e a Coral de Ruada

Presentación desta edición do FIR.

 

A XIV edición do Festival Internacional Rebulir (FIR) mergullará a Ourense na cultura de raíz, entre o 19 ao 22 de decembro, cun amplo programa de actividades que se desenvolverá baixo o lema “Cultura ata a médula”, dedicada aos doadores de medula ósea. Rebulir volverá a achegar mostras da cultura e da tradición a todos os públicos, cunha gala central que terá lugar o vindeiro sábado, 21 de decembro, no complexo polideportivo de O Picouto, en Ramirás, onde se darán cita sete agrupacións procedentes de España, Portugal, Senegal e Paraguai.

A inauguración do certame tiña lugar na mañá do 19 de decembro no centro cultural Marcos Valcárcel, nun  acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; a alcaldesa de Ramirás, Isable Gil; a responsable de comunicación da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue da Consellería de Sanidade, Ángeles Pazos; e o director artístico do FIR, Alexandre Sotelino.

O director artístico do FIR salientou a intención do FIR de “mergullar de cultura a todos os recunchos do Concello de Ramirás, da comarca de Celanova e mesmo da provincia enteira, dende os cero anos á persoa máis maior que queira ser partícipe deste evento”. Para elo, propoñen unha variada programación que ofrecerá actividades na escola infantil, no colexio, no centro de maiores e en varios establecementos hosteleiros.

 

Asistentes á presentación en Ourense.

 

En canto ás novidades desta XIV edición, Sotelino destacou ao actor Pepe Penabade, como presentador da gala central do Festival, onde representará a súa personaxe do afiador Rudesindo da Barrosa. “Isto vai a supoñer que a gala estea teatralizada cun guión continuo que guiará aos espectadores por diferentes lugares do planeta na traxectoria dun afiador”. Outra das novidades deste ano é o proxecto que se realizou nos últimos meses no Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela onde os mozos do obradoiro de cerámica elaboraron as lembranzas que se entregarán no FIR. Un proxecto que “fai que o festival cobre aínda máis sentido por medio desta colaboración, xa que a diversidade non só pasa polo eido cultural”, sinalou o director artístico do FIR.

A gala central do Festival, prevista para as 19 horas do vindeiro sábado, 21 de decembro, no polideportivo de O Picouto, acollerá as actuacións de seis agrupacións, ademais do colectivo anfitrión, Rebulir. Nela, amosarán o seu folclore a Banda de Gaitas de Noreña xunto con Grupo Xeito (Asturias), Grupo Coral Bafos de Baco (Portugal), Grupo folc. Ciudad de Cádiz (Andalucía), Compañía Internacional Jeruti (Paraguai) e Ballet Dakar (Senegal). Tamén participarán os galardoados cos Premios Rebulir da Cultura Galega 2019 que son: Antonio Durán “Morris”, pola súa traxectoria nos medios audiovisuais; Rosa Cedrón, no eido da música galega; e representación da Coral de Ruada, que recibirá o premio homenaxe.

 

figuras elaboradas por alumnado do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (Santiago de Compostela).

Artigos relacionados

Back to top button