ConcellosÚltima hora

O xornalista Lalo Pavón será homenaxeado polo Concello de Parada de Sil

O acto celebrarase o 11 de maio no marco do Día das Letras Galegas
Lalo Pavón será homenaxeado en Parada de Sil.

Naceu en Seixalbo pero o xornalista ourensán Lalo Pavón ten, dende hai anos, unha estreita relación con Parada de Sil. É o autor do Manual de Boas Prácticas de Parada de Sil, que “pretende facer de Parada un concello amable e acolledor cos visitantes así como unha serie de fichas turísticas sobre os enclaves máis singulares do propio municipio, con textos sobre os aspectos máis definitorios dos mesmos”, explican dende o Concello, asegurando que “é moi importante e máis neste intre clave para a Ribeira Sacra que vai a ser proposta como candidatura única do goberno de España a Patrimonio da Humanidade.

Ademais, xunto coa súa dona e cuñada é unha das persoas que máis teñen que ver coa recuperación e posta en valor da casa Museo do Chocolate en Teimende, que está a recibir numerosas visitas ó longo do ano. Esta vinculación con Parada de Sil e o seu labor a prol do galego son os motivos que, segundo o alcalde accidental Aquilino Domínguez, levaron a fundamentar a proposta de rendirlle a homenaxe das Letras Galegas deste ano, un evento que levan once anos celebrando.

Así, o acto adicado a Lalo Pavón comezará ás 11:30 h. do 11 de maio na Casa do Concello, e incluirá a actuación da Coral Vellos Amigos de Manolo de Dios, a proxección dun vídeo sobre o homenaxeado e a entrega de premios do VII Concurso de Microrrelatos Concello de Parada de Sil-Ribeira Sacra.

Artigos relacionados

Back to top button