CulturaCulturaÚltima hora

O xornalista valdeorrés Manuel Cruz, galardoado no Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

O xurado outorgáballe un accésit pola peza titulada “Investigación fronte a praga da rata toupa”

O xornalista valdeorrés Manuel Cruz./ Cedida.

 

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), vén de fallar a sexta edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021, destinado a galardoar unha peza xornalística de carácter científico ou tecnolóxico.

Ao concurso presentáronse dezanove traballos xornalísticos de carácter informativo (xénero da noticia, crónica ou reportaxe), en formato escrito ou audiovisual, publicados ou emitidos entre o 1 de xuño de 2020 e o 20 de maio de 2021 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal), ben sexan diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión. O premio entregarase nun acto que se celebrará o vindeiro martes, 29 de xuño, ás 19 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

Trala correspondente deliberación, o xurado acordou conceder o premio á peza xornalística titulada “Ciclodextrina: la conexión entre “El Señor de los Anillos’ y la pandemia de covid-19”, do xornalista Alberto Quian, publicada o 19 de agosto de 2020 no diario dixital El Salto. O xurado tivo en conta neste traballo xornalístico, publicado nun medio nativo dixital, a oportunidade de facer coincidir unha investigación galega sobre a covid cun libro e triloxía cinematográfica de éxito como “El Señor de los Anillos”, o que lle engade atractivo didáctico, no marco dun xornalismo slow. Alberto Quian recibirá de premio unha dotación de 3.000 euros que irá acompañada dun diploma acreditativo.

Por último, Alberto Quian dedícalle este premio a súa familia e ao catedrático Carlos Elías, da Universidad Carlos III de Madrid, “quen me alumeou polo camiño do xornalismo científico, tamén na docencia, e me animou a presentar este traballo a estes premios”.

 

Alberto Quiáan./ Foto cedida.

 

Por outra parte, o xurado decidiu outorgar un accésit deste premio ao segundo traballo mellor valorado, a peza xornalística titulada “Investigación fronte a praga da rata toupa”, do xornalista valdeorrés Manuel Cruz Rodríguez, emitido o 10 de abril de 2021 no programa Labranza da CRTVG. O xurado valorou que é unha peza xornalística que pon o foco nun problema que afecta economicamente á realidade galega e achega como se está a abordar desde un punto de vista científico para darlle solución. Manuel Cruz recibirá de premio unha dotación de 1.000 euros, tamén acompañado dun diploma acreditativo.

Manuel Cruz (O Barco de Valdeorras,1974) apunta que para el e todo o equipo que fai o programa “Labranza” é un orgullo que a Real Academia Galega de Ciencias recoñeza o seu traballo. Explica que desde os seus comezos, hai xa máis de 30 anos, un dos obxectivos prioritarios de “Labranza” ten sido “darlle voz e axudar a divulgar o traballo calado que tantas investigadoras e investigadores fan a prol do desenvolvemento do agro galego”.

O tamén director dos programas “O Agro” e “Labranza” de TVG destaca que este accésit concedido á reportaxe resulta especialmente satisfactorio porque “o mérito dese traballo non é noso, o mérito é do grupo de neuroanatomía da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo” da Universidade de Santiago de Compostela.

“No momento de achegarnos á problemática da rata toupa, o que atopamos foi a un grupo de científicas e científicos que con entrega e dedicación souberon adentrarse nun problema que afecta a cada vez máis gandeiros e agricultores da montaña de Lugo e buscar unha solución innovadora que ademais pode abrir moitas portas a outros descubrimentos futuros sobre o sistema olfativo e vomeronasal dos vertebrados” –aclara–.

A RAGC considera que a ciencia e a tecnoloxía teñen actualmente un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e o benestar social dun país, polo que comunicar estes achados e as súas aplicacións á sociedade galega é unha prioridade.

Así, a Academia asegura que “os medios de comunicación poden contribuír dun xeito decisivo a acadar este obxectivo”. Para estimular esta vertente xornalística, a distinción Celia Brañas pretende recoñecer actividades de comunicación da ciencia e da tecnoloxía entre os profesionais do xornalismo dos medios de comunicación galegos.

O xurado desta edición estivo composto pola secretaria da RAGC, a académica Pilar Bermejo, que actuou como presidenta do xurado; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo (UVigo), Mónica Valderrama; o doutor en Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Luis Manuel Villamor; a directora da Área de Centros de Gain, María José Mariño; e a técnico de comunicación de Gain, Silvia López Ben.

Artigos relacionados

Back to top button