OurenseÚltima hora

O xurado do OUFF anuncia o palmarés desta 25 edición, con “Deux” como mellor película

Estes premios serán entregados na gala de clausura do festival, prevista para esta tarde no Auditorio

Comparencia ante os medios para dar a coñecer o palmarés do 25 OUFF.

 

O 25 Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) xa ten galardoados. A directora de cine Inés París, presidenta do xurado da Sección Oficial do certame, daba a coñecer esta mañá, xunto co actor Carlos Blanco, membro do xurado, o palmarés desta edición. Nesta comparecencia ante os medios de comunicación ambos quixeron destacar “a difícil elección” que tiveron que facer “polo alto nivel das producións” escollidas pola organización. Os premios serán entregados na gala prevista para as 20:30h. desta tarde no Auditorio de Ourense.

Así os os recoñecementos do 25 OUFF son os seguintes:

Premios da Sección Oficial

– Calpurnia á Mellor Película: “Deux” de Filippo Meneghetti. “Por ser unha película orixinal e valente que, a través da magnífica interpretación das súas actrices cóntanos a historia de amor de dúas mulleres maiores que ao longo dos anos viviron con impotencia unha relación oculta”.

– Premio Carlos Velo á Mellor Dirección: Jan Komasa por la película “Corpus Christi”. “Por transitar con gran intelixencia por temas tan espiñentos e actuais como a violencia, a mentira e a relixión; recreando con credibilidade a vida dun pobo, as emocións e conflitos dunha colectividade”.

– Premio especial do Xurado: para Maite Alberdi por “El agente topo”. “Pola brillantez e orixinalidade coa que aborda un tema tan actual e sensible como é unha residencia de anciáns. O seu magnífico retrato do desamparo, a vulnerabilidade e a capacidade de esperanza dos seres humanos, sacando o máximo partido a un elenco non profesional”.

– Premio ao Mellor Guión: William Nicholson por “Regreso a Hope Gap”. “Polo extraordinario texto de gran complexidade que utiliza varias capas narrativas para debuxar a desoladora ruptura dunha parella logrando unhas imaxes e emocións que quedan indelebles na memoria dos espectadores”.

– Premio á Mellor Interpretación: Barbara Sukowa por “Deux”. “Pola súa encarnación do personaxe de Nina na película “Deux” cun traballo cheo de verdade e de matices e cunha enorme potencia que, en espléndido diálogo coas outras actrices, condúcenos emocionalmente e permítenos a identificación cun personaxe que transita pola liberdade, a dor, a indignación e a reivindicación do seu amor e dignidade”.

– Mención especial: “Cartas Mojadas” de Paula Palacios. “Por ser unha película que fai visible o que sucede no mar Mediterráneo e interpélanos para que recuperemos a nosa humanidade e capacidade para a xustiza fronte a un problema tan grave como o abandono e a morte no mar dos migrantes que tentan unha vida mellor”.

– Premio CIMA á mellor cineasta da Sección Oficial: á tarefa de dirección e guión de Paula Palacios en “Cartas Mojadas” polo seu “compromiso persoal, valentía, profesionalidade e perseveranza ao longo dos anos para mostrar a realidade da migración no Mediterráneo e así contribuír a que se cre un movemento social que interpele aos responsables desta catástrofe humanitaria que se pode resolver con vontade política”.

 

Inés París, presidenta do xurado do 25 OUFF anunciando os premios.

 

A estes galardóns súmase o Premio do Público para a película máis votada que tamén recaeu en “Cartas Mojadas” de Paula Palacios, cun 4,55 de nota sobre 5. O Premio Especial OUFF 25 aniversario que concede a organización recae no documental “Spitsbergen, o Gardián do Ártico” de Ignacio Benedeti pola súa contribución á conservación do planeta, “unha aposta moi importante e que cremos que debe ser recoñecida”.

Finalmente, na gala de clausura do OUFF entregarase ademais o xa anunciado Premio Xacobeo á mellor produción ou coprodución galega do festival para “La Isla de las mentiras” de Paula Cons.

Pases das películas premiadas

Tal e como se viña facendo en anteriores edicións, o domingo 4 de outubro proxectaranse no Teatro Principal de Ourense as películas gañadoras do 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense. O primeiro pase será ás 12 horas para o Premio Xacobeo, “La isla de las mentiras” de Paula Cons. Ás 17 horas, tócalle ao Premio do Público “Cartas Mojadas” e ás 20:30 horas é a quenda da gañadora da Calpurnia á Mellor Película, “Deux”.

As entradas para os pases dos filmes premiados son totalmente gratuítas. Pódense retirar dende unha hora antes na billeteira do Teatro Principal, repartindo dúas entradas por persoa e só para o pase desa hora. Dende a organizaión tamén lembran que non está permitido o acceso con comida ni con bebida.

Artigos relacionados

Back to top button