OurenseÚltima hora

O XXII Festival de Jazz de Ourense arranca este domingo coa actuación do baixista Joe Sander

Once grupos participarán nesta edición entre os meses de abril e xuño
O baixista Joe Sander “Infinity”.

Músicos de primeiro nivel como os saxofonistas Bill Evans ou Kenny Garret, actuarán no XXII Festival de Jazz de Primavera que se celebrará en Ourense entre os meses de abril e xuño. Unha edición que aposta pola mestizaxe con outras músicas coma o flamenco, e que reunirá a once grupos.

O Festival comeza este domingo, 8 de abril, coa actuación ás 23 horas no Café Latino do baixista Joe Sander “Infinity”. Neste mesmo local e á mesma hora actuarán o trompetista Ronald Baker (11 de abril); o pianista cubano Iván “Melón Lewis (16 de abril); o guitarrista israelí Gilad Hekselman (22 de abril); e o grupo flamenco composto por Josemi Carmona e Javier Colina (24 de abril).

O espectáculo estrela que conta coa colaboración do Concello será a actuación do saxofonista Bill Evans, o 11 de maio na praza de Santa Eufemia, que será gratuíta.

O plantel completarase coa actuación do saxo tenor Lew Tabackin (14 de maio); do cantaor Duquende (16 de maio); do saxo tenor Harry Allen (21 de maio); do saxo Kenny Garret (23 de maio) e do grupo da frautista galega María Moro (14 de xuño).

O evento está organizado polo Café Latino e a Fundación Florencio Álvarez e o prezo da entrada variará entre dez e vinte euros.

 

Artigos relacionados

Back to top button